FESTA DA ANGUÍA

Castrelo de Miño servirá ata mañá 1.200 kilos de anguías

photo_camera Las primeras anguilas comienzan a circular hacia los platos de los comensales.

A festa deu comezo no campo de Barral e terá continuidade hoxe coa romaría da Virxe das Neves

Tres días son os fixados no almanaque anual para a celebración da "Festa da Anguía" en Castrelo de Miño dende hai 22 anos, e que nesta ocasión coinciden co 4, 5 e 6 de agosto. Onte foi a primeira xornada, á de inauguración, na paraxe natural do campo de Barral, nas inmediacións do Complexo Náutico situado á beira do río Miño. Dende a última hora da tarde, nas tixolas comezou a ferver o aceite para recibir os primeiros exemplares de anguía para atender ós primeiros comensais, do total de 1.200 quilos previstos pola organización para fritir ata o vindeiro sábado.

Un acto no que participou o alcalde do municipio, Xurxo Méndez, como anfitrión, e unha serie de convidados entre os que se atopaba Luis Menor, director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta. As anguías, fritas, sírvense en racións ó prezo de 10 euros, acompañadas de pan e viños brancos e tintos da Denominación de Orixe Ribeiro, aínda que tamén se poden degustar en empanada, segundo sexa o gusto do consumidor.

Os visitantes aínda teñen hoxe e mañá a oportunidade de achegarse ata Castrelo e disfrutar desta oferta gastronómica que vén promovida pola comisión organizadora das festas na honra da Virxe das Neves, a patrona da parroquia de Barral, que acolle a capitalidade do municipio. Un festexo tradicional que hoxe se celebra cunha misa seguida de procesión ás 13,00 horas, co acompañamento da banda de música La Lira de Ribadavia, que tamén ofrecerá un concerto, mentres que pola noite está prevista unha verbena popular amenizada por orquestras.

A Festa da Anguía tamén serve para abrir o programa de eventos en Castrelo. Así, o vindeiros 11 e 12 de agosto celebrarase o "Ribeiro Blues Wine Festival", con 24 adegas e grupos musicais de renome, para seguir o 14 coa "Festa do Xarrete",  e a "Festa da Codorniz" ós días 15 e 16 deste mesmo mes. 

Te puede interesar