Castrelo de Miño acolle dende onte a 15 edición da súa ‘Festa da Anguía’

Os organizadores sirven as primeiras anguías. (Foto: Miguel Ángel)
O campo de Barral acolle dende onte a ‘XV Festa da Anguía’ de Castrelo de Miño, que se prolongará ata a noite deste xoves coa preparación de máis de 2.000 quilos do producto. Charangas e orquestras poñerán a nota musical na celebración.
O corte dunha cinta serviu onte para inaugurar oficialmente a decimoquinta edición da ‘Festa da Anguía’ de Castrelo de Miño, que se celebra no campo de festexos da localidade de Barral, a escasa distancia da Casa do Concello e o Clube Náutico.

No acto protocolario, desenrolado pasadas as oito da tarde, participaron o alcalde de Castrelo, Xurxo Rodríguez; o subdelegado do Goberno, Camilo Ocampo, e o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, mentres unha charanga interpretaba os acordes do Himno Galego.

Tamén se desplazaron ata a festa os senadores Miguel Fidalgo, do PSOE, e Xosé Manuel Pérez, do BNG, así como o secretario xeral dos socialistas galegos, Manuel Vázquez, ademais dos rexedores de Ribadavia, Marcos Blanco; Melón, Alberto Pardellas e Carballeda de Avia, Luis Milia.

As autoridades participaron a continuación nunha degustación de anguías, empanada e postres, acompañada con viños da Denominación de Orixe Ribeiro, na que tamén estivo presente o presidente do consello regulador, Luis Anxo Rodríguez. No campo de Barral tamén hai instalados postos de ‘pulpeiros’ e de venta ambulante, tómbolas e barracas recreativas, ó carón do río Miño. Un efectivo integrado por membros do Grupo de emerxencias (Grumir) da Mancomunidade do Ribeiro encárgase das tarefas de seguridade.

Verbena e fogos de artificio

O programa da celebración gastronómica ábrese cunha misa na igrexa parroquial da Virxe das Neves e un pasarrúas con concerto da banda de música ‘La Lira’ de Ribadavia.

A partir das sete da tarde, no campo de Barral voltarán a acenderse os fogóns para fritir as anguías, antes da verbena amenizada polas orquestras ‘Tango’ e Pasarela. A xornada rematará a 1,00 da madrugada cunha sesión de fogos fixo e voadores no recinto da festa.

Un grupo de veciños encárgase do festexo

A ‘Festa da Anguía’ retrasouse iste ano para que no calendario non coincidise coa ‘Festa do Pemento’ celebrada en Arnoia na pasada fin de semana. Ademais, os veciños de Castrelo de Miño tamén honran nestas xornadas á súa patroa, a Virxe das Neves. A organización do festexo recae nunha asociación integrada por 10 persoas, e que está presidida por Armando Bangueses, e que cociñará máis de 2.000 quilos de anguías nesta edición.

Te puede interesar