FERIA

Cortegada acollerá a Feira de Artesanía os días 17 e 18

O domingo día 18 haberá un xantar coa degustación de carne de porco celta, paella e viño do Ribeiro
Avila de Cortegada acollerá, os vindeiros 17 e 18 de agosto, a décima edición da “Feira de artesanía e do porco celta” que mestura no seu programa de actividades, ademais de gastronomía e artesanía, espectáculos de lume, música, festa da auga e inchables. A presentación desta celebración tivo lugar este xoves no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente terceiro da Deputación de Ourense, Plácido Álvarez, ademais do alcalde e a concelleira de Cultura de Cortegada, Avelino Luís de Francisco e Begoña Estévez, respectivamente. A institución provincial presta a súa colaboración con esta iniciativa, que ofrece “unha completa e variada programación pensada para tódolos públicos e na que destaca o compromiso do Concello co medio ambiente”, explicou Plácido Álvarez. O representante da Deputación tamén salientou a importancia de desenvolver este tipo de propostas culturais e gastronómicas que “dinamizan o rural e son o escaparate idóneo para amosar as potencialidades turísticas dos nosos municipios”. Pola súa banda, Avelino Luís de Francisco quixo lembrar “o éxito que logra esta celebración cada ano”, así como a novidade desta 10ª edición de “suprimir por completo o plástico, como medida para traballar a prol da conservación e respecto polo planeta”. O programa da Feira, tal e como explicou Begoña Estévez, comezará o sábado, 17 de agosto, ás 22,30 horas cun espectáculo de lume e un concerto de música tradicional. Ao día seguinte, o 18 de agosto, a apertura do mercado será ás 11,00 horas e cada media hora haberá distintas actividades como o baile medieval ou o espectáculo de trapecio. Ás 14,00 horas será a degustación dun menú que inclúe porco celta, paella e viño do Ribeiro, e a programación continuará ó longo da xornada de tarde.

Te puede interesar