Eduardo Fernández: "Hoxe é igual, pero nos anos 60 había unha diferencia enorme entre España e Francia"

20190826_133039
photo_camera Eduardo Fernández, en Celanova.
Eduardo marchou para Francia coa maioría de idade recén cumprida, buscando traballo e alonxándose do franquismo

Eduardo marchou para Francia coa maioría de idade recén cumprida, buscando traballo e alonxándose do franquismo. Dende entón, non deixou de vir varias veces ó ano a visitar á súa familia e a súa terra.

Cal é súa historia?

Marchei o 16 de novembro de 1960, con 18 anos mal cumpridos. Pasei a fronteira e cheguei a Lorraine, porque alí había moito traballo daquela. Fomos para alí porque era onde estaba concentrada toda a siderurxia. Alí sigo. Cando cheguei traballei na siderurxia, en fábricas enormes de 5.000 e 6.000 obreiros botando ferro día e noite sen parar. Estiven alí tres anos e despois pasei para a construcción. Alí xa me xubilei. 

Como foi a adaptación?

Moi rápida. O idioma, un pouco máis difícil pero cando un é novo, cólleo enseguida. O meu irmán xa estaba alí, porque a cousa aquí nos anos 60 estaba fastidiada. Alí tampouco era un paraíso, pero polo menos comías un pito asado se querías (risas). 

Cambiou moito Celanova dende que marchou?

Moito, moito. Cada vez que veño, éncheseme o peito. A aquel país quérolle moito porque levo alí 60 anos, alí pasei os mellores anos da miña vida. Coñecín unha rapaza formidable de Guadix, que ó final a casualidade quixo que Celanova e Guadix se irmanasen. Eu fun o primeiro que trouxo unha accitana aquí (risas). Fundamos unha familia e vivimos perfectamente. 

E Francia cambiou moito?

Evolucionou moito, non é a Francia daqueles tempos, tampouco. Daquela había traballo a mazo na rexión onde eu estou. Baixabas no tren e xa te collían para te levar á fábrica. Hoxe é diferente. Segue habendo traballo, non é igual pero funciona. 

Que é o que máis lle gusta dos franceses?

Eu adapteime enseguida alí. Demasiado rápido. Se fora un pouco máis lenta ó mellor tiña máis cartos. Pero o que máis me gusta, naquela época, as chicas (risas). E, sobre todo, que se traballa as horas que son. Traballaba oito horas, ás veces dez, pero aquí traballaba vinte. Farteime de traballar, así que para min foron vacacións cando cheguei alí. 

E o que menos? 

Defectos témolos todos, ainda que si que son un pouco gabachos, un pouco pretenciosos. Pero, do resto, moi ben. Agora probablemente xa deixe a pel alí, levo 60 anos e non vou vir agora para aquí. Irei e virei cando poida. Ademais, cando marchei no ano 60, cando pasei a fronteira, o cambio era radical. A velocidade dos trens, rebaños de ganado pastando, as parellas dándose bicos na rúa... Aquí había unha dictadura e eu sempre fun antifranquista. Hoxe é exactamente igual, pero daquela había unha diferencia enorme. 

Te puede interesar