FESTAS

Ekohuerta trae o Feirón a Xinzo e Sés encabeza a Carqueixa

A música folk galega é protagonista na Carqueixa. Xunto a Sés, que será a cabeza de cartel, estarán os ourensáns Guezos, Xabier Díaz e Adulfeiras de salitre e Virandeira Folk

A primeira edición do Feirón, en Xinzo de Limia, e a Carquexa, en Souteliño (Laza), son dúas das citas subliñadas no programa festeiro da primeira fin de semana na Limia. O Feirón que se celebra en Xinzo de Limia este fin de semana xurdiu dunha invitación, a que lle fixo Ekohuerta ao Concello de Xinzo. Pensaron nunha feira ecolóxica na provincia de Ourense e inmediatamente elixiron a Limia. Desde o concello responderon rápido e cos brazos abertos. O sábado e o domingo, o parque do Toural, acollerá a primeira edición dun evento con vocación de perdurar, advirte Luis Miguel Gil, concelleiro de Cultura. Hai cincoenta expositores anotados -postos de artesanía, antiguidades, plantas, terapias, horta...-, e o concello engade un obradoiro de larpeiradas para nenos, ilusionistas, batukada e un concerto o sábado pola noite para o que inda se está pechando o cartel. "Queremos un fin de semana diferente", explica Gil.

A música folk galega é protagonista na Carqueixa. Xunto a Sés, que será a cabeza de cartel, estarán os ourensáns Guezos -que veñen de tocar en Vilar de Santos o pasado fin de semana-, Xabier Díaz e Adulfeiras de salitre e Virandeira Folk. Os concertos, o sábado día 6, serán gratuitos e habilitouse unha zona de acampada para os visitantes. Haberá tamén actividades para nenos desde primeira hora da tarde (contacontos, danza) e unha cea popular co prezo de 14 euros por adulto. 

Te puede interesar