ourensáns polo mundo

"Eu son das que chegan a Lavacolla e danlle ganas de chorar coa emoción"

Silvia Colmenero.
photo_camera Silvia Colmenero.

Silvia Colmenero traballa como profesora en Londres, aínda que pensa en volver a Galicia nun prazo de 10 anos

Que a levou a marchar a Londres?

Rematei a carreira en Santiago e quixen marchar a Inglaterra para mellorar o inglés. Estiven de "au pair" un ano e medio, regresei a Galicia para facer un máster e volvín a High Wycombe, ao noroeste de Londres. 

Que tal a experiencia de “au pair"?

Fabulosa. Coa nai da familia continúo a ter relación, quedamos cada dúas semanas para tomar café. Hai noticias e documentais que deixan ver que as "au pair" están explotadas, pero no meu caso foi todo o contrario. 

Logo de rematar o máster, por que decidiu volver a Londres?

E que no meu caso, se quería traballar de profesora nun colexio público necesitaba oposicións, e no privado o que pedían era experiencia, e eu, daquelas, non a tiña. Si que dera clases particulares. Por ese motivo, e mentres saían e non as oposicións, decidín voltar a Londres para coller máis experiencia. Comecei a traballar pola recomendación dunha alumna como asistente de español, e agora xa dou clases nun colexio de moi boa reputación. 

Ten morriña, ou adáptase ben ao país? 

Adapteime ben á cultura británica, pero morriña teño moitísima. Somos uns privilexiados por ter nacido en Galicia. Eu son das que chega a Lavacolla, en Santiago, e danlle ganas de chorar coa emoción. 

Gustaríalle volver a vivir a Galicia?

De feito é o plan que hai. Puxémonos de prazo 10 anos para volver, quizais non aquí, pero si a Vigo, Santiago, A Coruña ou Ourense. 

Que é o que máis lle gusta de Gran Bretaña?

A historia e as tradicións. Nos pobos pequeniños, onde hai ingleses de pura cepa, hai moitas lendas. Na torre de Londres hai un montón de corvos e teñen coidadores. Existe o dito de que no momento en que abandonen a torre, o imperio británico caerá.n

Te puede interesar