MONTERREI

Verín agarda máis de 25.000 persoas na súa Feira do Viño

Nesta ocasión daranse cita 17 das 26 adegas que forman parte da Denominación de Orixe Monterrei

Verín e, por extensión, a Comarca de Monterrei, quenta motores para o evento máis importante -por número de visitantes- despois do Entroido: a XIV Feira do Viño, que se celebrará do 9 ao 11 de agosto e que este ano congregará a máis de 25.000 persoas na praza da Alameda. 

Nesta ocasión participarán 17 das 26 adegas que conforman a Denominación de Orixe Monterrei, tal e como subliñou a presidenta do Consello Regulador, Lara Da Silva, que estivo acompañada na presentación da cita festiva polo rexedor de Verín, Gerardo Seoane, e pola edil de Cultura e Festexos da localidade, Emilia Somoza. 

Da Silva puntualizou que, ademais das casetas das adegas participantes, haberá outras gastronómicas nas que se poderán adquirir produtos da zona. Nesta liña, os prezos manteranse con respecto a anos anteriores. 

A inauguración da feira será o venres, 9 de agosto, na propia praza da Alameda, e o encargado de ofrecer o pregón será o actor natural da comarca de Monterrei, Rubén Riós. No mesmo acto celebrarase a imposición de medallas da Confraría dos Viños de Monterrei na Igrexa Parroquial de Verín. 

O rexedor de Verín, Gerardo Seoane, loubou a programación elaborada para o evento: "pretendemos ser atractivos para que a xente veña a vernos". Seoane destacou o crecemento desta feira, que comezou congregando a unhas 7.000 persoas, ata chegar a máis de 20.000. Pola contra, rexeitou a idea de que acabe convertíndose nunha festa "masificada" e amosouse contrario ás persoas que, con este evento, decidan facer "botellón". 

A responsable da área de Cultura e Festexos desgranou o cartel de actuacións que se sucederán durante toda a fin de semana e que incluirá agrupacións como El Consorcio, integrado por ex compoñentes do grupo Mocedades, ou En Mala Hora, que versionará temas do rock e do blues. O prato forte será Remember Queen, que renderá homenaxe ao mítico grupo.

Te puede interesar