OURENSÁNS POLO MUNDO

"O que máis me gusta dos alemáns é a súa seriedade, o respecto e a educación"

María Elena, en Celanova.
photo_camera María Elena, en Celanova.

María Elena emigrou para Alemaña a comezos dos anos 60, cando moitos deixaban a súa terra na busca de mellores oportunidades laborais. Dende entón, non deixou de voltar á súa Celanova natal ningún verán.

Cando marchou para Alemaña e por que?

Estou en Aachen, en Alemania desde 1961. Marchei porque aquí non había traballo, só nas terras pero a min aquilo non me gustaba. Fun coa miña prima e o meu primo. Xa marchamos con contrato e traballamos nunha fábrica de chocolate. Despois cambieime e traballaba nunha metalúrxica, onde facía moito de intérprete. Estaba como obreira e, á hora de pagar o mes, había problemas e puxéronme na oficina. Alí estiven 18 anos en rexistratura. 

Foi moi difícil adaptarse á vida de Alemaña?

Non. Tiñamos morriña, pero os alemáns sempre foron moi bos connosco. Había o problema do idioma, pero a min os idiomas dánseme ben e logo o aprendín. De primeiras é complicado.

Non deixou de vir dende que marchou. Nota Celanova moi cambiada dende que marchou?

Está todo máis moderno. Cambiou para ben. 

E Alemaña cambiou moito dende que chegou?

O que cambiou foi esa xente que está entrando. Eu sempre lle digo ó meu marido que onde hai guerra, hai que recollelos, pero ós outros non. Iso non é emigración, veñen como poden e despois rouban. Aquí en España tamén os hai. Pero outros traballan moito e son moi boa xente.

Que é o que máis lle gusta dos alemáns?

A seriedade que teñen, o respecto e a educación. Tamén os hai que non a teñen, pero polo xeral son moi correctos e educados. Non miran o que ten unha persoa mentres sexa educada.

Aparte dos seres queridos, que é o que máis bota de menos de Celanova?

Os veciños, muller! Eu veño e vexo ós veciños, aínda hai algúns da miña idade. Vémonos e temos unha alegría... Os primeiros días cando veño, hai tantos bicos, é todo moi bonito.

Te puede interesar