CULTURA

As "Noites teatrais" achegan a escena galega a Vilamarín

Os espectáculos serán gratuítos e desenvolveranse do 15 ao 19 de xullo no Auditorio 

A localidade de Vilamarín convertirase na capital das artes escénicas galegas coa celebración da XXXII edición das “Noites teatrais” que terá lugar do 15 ao 19 de xullo, ás 22,30 horas, no sue Auditorio municipal. A presentación desta tradicional iniciativa cultural tivo lugar este martes no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e os concelleiros de Desenvolvemento e de Cultura de Vilamarín, Marcos Vázquez e Marina Rodríguez, respectivamente. 

A institución provincial colabora con este evento, que é “unha cita ineludible no calendario cultural da nosa provincia e que contribúe a difundir e promover o mellor do teatro galego entre os veciños de Vilamarín, pero tamén entre os visitantes”, salientou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, quen felicitou ao Concello por manter vivo “este certame das artes escénicas, referente en Galicia, que ameniza as noites de verán co mellor da dramaturxia galega”. 

O programa de espectáculos, que serán de acceso gratuíto e a cargo de “compañías punteiras en Galicia”, dixo Marina Rodríguez, comezará o vindeiro luns, 15 de xullo, coa función “Despaciño e boa letra”, do grupo de teatro de Vilamarín. “Comezamos unha vez máis esta edición, como o facemos desde hai tres anos, cos veciños do noso municipio. Un espectáculo que está a altura das “Noites teatrais”, a pesar de non ser profesionais”, salientou o concelleira de Cultura de Vilamarín. 

Pola súa banda, Marcos Vázquez ensalzou “a participación da veciñanza de Vilamarín que cada vez ten unha produción mellor, e incluso algúns veciños xa saen fóra do municipio a facer outras actuacións”. Así mesmo, o concelleiro de Desenvolvemento dixo que é “un luxo contar con estas cinco pezas teatrais no noso municipio”.


Programación


Xa o martes, 16 de xullo, será a quenda para a Aula de Teatro Universitaria de  Ourense, “Maricastaña”, que protagonizarán a obra “Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse”. O mércores, 17 de xullo, actuará Talía Teatro, de Santiago de Compostela, que ofrecerá a súa función “Vida de cans”, e o xoves, 18 de xullo, subirase ao escenario Malasombra producións, da Estrada, coa obra “Bernarda (Vilalba 1975)”. Por último, o venres, 19 de xullo, pechará esta XXXII edición das “Noites teatrais” a compañía Contraproducións, de Vedra, co espectáculo “Commedia”, “unha comedia de enredo con actores de primeira liña non só de Galicia, senón de todo o Estado.

Te puede interesar