Verano

Premios ás mellores curtas

Verano

xociviga

Premios ás mellores curtas

Diego Fernández e Manuel Dacal xunto aos premiados que recibiron un prato de pulpo grabado.
photo_cameraDiego Fernández e Manuel Dacal xunto aos premiados que recibiron un prato de pulpo grabado.
Pedro Vilas, Cristina Yáñez e Jorge Fernández foron os gañadores do concurso CurtasoPrima co que se deron por rematada as Xociviga 2019 nas que se proxectou cine venezolano e europeo

O xurado nomeado para elexir as curtametraxes galardoadas na terceira edición do concurso CurtasoPrima 2019 acordou por unanimidade conceder o primeiro premio "A ningunha parte", de Pedro Vilas Villamarín, xa que "a súa totalidade como peza audiovisual refecte ao gran emprego da técnica (dirección, valores...) así como unha temática que engloba a actualidade con problemática social do noso país (xénero, lingüística...) dende un punto de vista crítico", segundo se recolle na acta.

O segundo premio foi para a curta "Na memoria da túa esposa" de Cristina Yáñez Borrajo, "polo seu achegamento á realidade do rural galego sen necesidade de grandes artificios que afasten ó espectador da historia", refírese o xurado a este traballo. 

Finalmente, o accesit foi para  "Brotes" de Jorge Fernández Meneses, do que o xurado valorou a "súa simpatía e sensibilidade temática xunto coa súa beleza formal para contar unha historia coa que a maioría do público pode sentirse identificado". 

As curtametraxes de Pedro Vilas Villamarín, que non pudo asistir onte ao acto de entrega do premio por atoparse de viaxe en Londrés; de Cristina Yáñez Borrajo e de Jorge Fernández Meneses foron elexidas polo xurado entre os 16 traballos que optaron a este certame. Os galardoados recolleron os premios onte durante un acto que se desenvolveu no Auditorio Manuel María. O primeiro estaba dotado de 500 euros, o segundo de 300 e o accésit con 100 euros, ademais duns trofeos que foron pratos de pulpo grabados, e que lles entregaron os concelleiros de Turismo e Cultura, Manuel Dacal (neste momento alcalde en funcións) e Diego Fernández, respectivamente.

Así mesmo, pola mañá, a partir das 10,00 horas, tamén no auditorio municipal, proxectáronse dúas curtametraxes seleccionadas previamente e que pasaron á fase final.  Coa entrega destes premios e as proxeccións programadas para esta xornada do venres clausurábanse as Xociviga 2019, que se poñían en marcha o pasado domingo con cine ao aire libre, na Praza Maior, e a película "Sempre Xonxa", de Chano Piñeiro. 

Nestas xornadas tiveron especial protagonismo o cine venezolano, o galego e o europeo, e entregáronse no transcurso dunha gala o Premio de Honra á actriz Luisa Merelas; o In Memoriam OUFF-Xociviga ao produtor José Sousa e os Insignia de Ouro aos fundadores de Cine Club Carballiño.

Ademais, tamén se desenvolveron dous talleres para nenos e profesionais do cine.