OURENSE DE 5 EN 5

Prometémosche que aquí nunca vas pasar fame

gastro

A lista de feiras gastronómicas e celebracións apoloxéticas do bo xantar espállanse tanto pola provincia, especialmente en agosto, que un ten a sensación de que a comida medra por multiplicación.

É difícil pensar que Galicia non comezou tendo forma de bandullo. A lista de feiras gastronómicas e celebracións apoloxéticas do bo xantar espállanse tanto pola provincia, especialmente en agosto, que un ten a sensación de que a comida medra por multiplicación. Comer e rañar, todo é empezar. 

Fotos festa do penento de Arnoia 2010Festa do Pemento en Arnoia

Se foi declarada de Interese Turístico Galego é por algo. A primeira edición desta festa ten data de 1980, cando os daquela responsables do Concello decatáronse que na terra se sementaba 'ouro verde'. Decidiron facer coincidir as celebracións parroquiais de San Salvador. Os pementos e o viño do Ribeiro era unha fórmula que de ningún xeito podía fracasar. 
Dende entón, e xa van 36 anos, o menú de Arnoia na primeira fin de semana de agosto inclúe celebracións relixiosas, verbenas, e moreas de actos a rentes dos carballos d'A Queixeira. A primeira das festas sempre é para os veciños, entregados á causa do pemento. Porque as causas que merecen a pena rematan por ser de todos. 

Muiños. 02-08-14. Provincia. Festas do Galo pica no Chan e as Sopas de Burro Canso en Muiños. Na foto o xantar do galo pica no chan no pavillónFoto: Xesús FariñasSopas do Burro Canso e Galo Pica no Chan, en Muíños

O mellor da seitura en Muíños era cando remataba. As casas de labranza facían fritir o pan duro e o mesturaban con viño fresco, azucre e canela: as sopas do burro canso. 
A mediados dos anos setenta, Muíños decidiu facer das sopas do burro canso unha coartada para turrar da vila no verán. Anos despois, ao viño e ao pan engadiuselle o polo. O polo non, o Galo Pica no Chan. Máis de 250 aves postas ao servizo do padal. Definitivamente, a 'Operación Bikini' non pasa por Muíños. 

Festa do ‘Pulpo' de Carballiño

"O mellor pulpo do mundo faise no interior", din. Faise se hai pulpeiras de Arcos e, aínda mellor, se se come baixo os carballos do Parque Municipal. 

A Festa do Pulpo vai a récord Guiness por ano. A rivalidade con Bilbao por facer a tapa máis grande está collendo tintes épicos de Senna contra Prost. Imprescindible para pechar o mes. 

23.08.15.LOBIOS.PAVELLON.FESTA.GASTRONOMICA.DOS.CALLOS.LIMIAOS.Callos Limiaos de Lobios

Que error pensar que un prato de callos ten o seu ser no inverno. Lobios encárgase de espertarnos a todos coa Festa dos Callos Limiaos, en pleno agosto, cando non hai pota que pare de ferver, nin garbanzo que fique sen cocer. Case dúas mil racións sírvense durante o xantar popular. Alí non queda ningúen con fame. 

Xarrete e Xarrote en Castrelo

A mediados de mes, de bruces mirando ao Ribeiro, a carne e o viño maridan en Castrelo, na festa organizada pola Asociación Sociocultural Macendo. Un menú baseado en carne de carne, con carne. 

Esa fin de semana adoita coincidir coa Festa da Codorniz no barrio de Cortiñas, outro imprescindible. Os que vén chegar ao San Roque navegando polas augas do embalse teñen dúas opcións 'carnívoras' para sentarse á mesa. Bo proveito.

Te puede interesar