A Festa da Istoria é unha festa do pobo, non só porque foi rescatada e impulsada polos propios veciños hai xa 30 anos, senón tamén porque pasear por Ribadavia no seu día grande significa percorrer a esencia mesma da sociedade. O señorío e a plebe fan cola xuntos para cambiar os modernos euros por marabedís, o clero e os bufóns aproveitan a mesma sombra para descansar. Damas e fidalgos asisten xuntos a unha voda. Mentres, bailes, teatro e música animan as rúas da vila sen descanso. É unha festa do pobo e o pobo así o celebra.
Dos milleiros de persoas que cada ano acoden á Festa da Istoria, son os menos os que apostan por non desprenderse do uniforme do século XXI, pois a diversión vaise multiplicando ó mesmo ritmo que a vestimenta se vai aproximando á Idade Media. Ben é certo que hai algún despistado que chega a confundir os periodos históricos vestíndose de personaxes de épocas que non son a dos condes de Sarmiento, pero ás veces faise certo ese dito tan manido de que "o que conta é a intención".
Gran desfile
Cando un chega á Festa da Istoria, o primeiro que hai que facer é entrar en situación, pero diso xa se encarga o gran desfile que inaugura o día central desta festividade presentando un por un ós colectivos que compoñen a sociedade encabezados polos condes de Sarmiento e cos Reis de Galicia pechando a comitiva. Na marcha participaron este ano o conselleiro de Cultural, Román Rodríguez, acompañando ós convidados de honra, e a pregoeira desta edición. Como tal exerceu a zoqueira Elena Ferro, que lembrou o seu paso como vendedora pola Festa da Istoria e agradeceu o "acolledora, amable e hospitalaria" que é a xente de Ribadavia.
Actividades sen parar
Feitas as presentacións, tocaba recrear a época en todo a súa magnitude. A Praza Maior quedou reservada para a actuación dos italianos Sbandieratori de Vignanello, os bailes medievais, a música e o espectáculo de cetrería que non puido ser porque unha das aves preferiu descansar en vez de voar. No auditorio do Castelo, os cabaleiros galegos e portugueses armábanse en "loita" nunha demostración que encheu o patio de butacas, xusto antes de que os pequenos de Ribadavia xogasen ó xadrez vivinte. Mentres todo isto acontecía, as gorxas dos milleiros de participantes ían reclamando un refrixerio.
Por volta da hora de comer, a actividade foise concentrando en dous puntos: a Oliveira coa tradicional voda xudía e a Madalena, co grande xantar medieval. Coa música sen deixar de soar por tódalas rúas da vila e o sol baixando para dar tregua e permitir que eses milleiros de visitantes puidesen saír das sombras, chegou outro dos grandes momentos da xornada. O gran torneo da Veronza constituíu unha demostración do antigo deporte da lanza a cabalo que impresiounou a tódolos presentes ó tempo que o auditorio do Castelo se preparaba para acoller o baile medieval. Circo e música foron os ingredientes finais para un día no que os Sarmiento volveron ser os señores de Ribadavia, os marabedís a moeda oficial e a convivencia entre xudeus e cristiáns foi a tónica dominante, porque a historia é que a Istoria non entende de guerra. É unha festa do pobo. E o pobo o que quere é mirar atrás para lembrar o bo e tratar de revivilo.