Ritual de luces e diversión en Celanova

CELANOVA (PRAZA MAIOR). 03/08/2019. OURENSE. Reportaje sobre la Ramallosa. FOTO: ÓSCAR PINAL
photo_camera Momento do encendido dun grupo de farois (Óscar Pinal)
Miles de persoas participaron un ano máis neste singular desfile de longa tradición, que alumea as rúas da vila con máis de 15.000 farois de papel e percorre Celanova ó ritmo das charangas deixando a vila a escuras durante dúas horas

Aínda que o foguete que anuncia o inicio da Ramallosa non estoupa ata que o reloxo marca as 11 da noite, o ritual da Ramallosa comeza moito antes. Para aqueles que desexan mercar a pañoleta, a alarma soou a primeira hora da mañá de onte e xa arredor das 10 horas, ducias de persoas agardaban á apetura da oficina de turismo para recoller o pano co que adornar á noite o pescozo e algúns farois para portar e darlle luminosidade a esta particular procesión. 

Nos negocios, este ritual comezou hai xa algúns días coa decoración de escaparates e fachadas para dicirlle ben alto á Ramallosa que Celanova leva un ano agardando polo seu día máis especial, por esta festa de longa tradición. 

Para aqueles que participaron no desfile con algún farol, ben tradicional ou artístico, hai semanas que empezou a planificación, compra de material e confección das estructuras que percorreron as rúas de Celanova ó ritmo das charangas. 

Aínda que a procesión comezou ás 11 da noite, Celanova leva varios días sentindo a festa coa decoración de rúas e escaparates

Foron máis de 15.000 farois os que alumearon a vila durante algo máis de dúas horas ata chegar á Alameda, onde tivo lugar a entrega de premios. Con tódalas luces eléctricas en suspenso, a música, o baile, a diversión e o amor pola Ramallosa, que cada ano vai ganando máis adeptos. 

A actividade, como é habitual, prolongouse ata ben entrada a noite e, nalgúns casos, o amencer do domingo. Os celanoveses amosaron un ano máis a fidelidade ás súas charangas acompañándoas ata a Praza das Pitas neste ritual tan agardado que é a Ramallosa.

A orixe da festa non está moi clara e son numerosas as versións que circulan pola vila. Uns falan dun apagón no barrio da Encarnación, outros apuntan a un sacerdote da aldea da Ramallosa como fundador da festa e un terceiro grupo fala dun traspaso do ramo entre os mordomos municipais. O certo é que, na práctica, ós celanoveses pouco lles importa como xurdira esta festa. O que teñen claro é que é súa e que, tan pronto remata, comeza a conta atrás para a do ano que vén.

Te puede interesar