ourensáns polo mundo

"Sempre dixen que non quería morrer en Barcelona, mais agora xa é algo tarde"

Ramiro Fernández Delgado.
photo_camera Ramiro Fernández Delgado.

Nado en Correxais (Vilamartín de Valdeorras), Ramiro Fernández emigrou a Barcelona con tan só 17 anos. Dende o primeiro día, sempre quixo volver e agora afirma que é tarde

Cando marchou de Correxais?

Fai 45 anos. Marchei descontento, polas mesmas razóns que o fixemos todos daquela. Fun para quedar cinco ou seis meses e agora non hai oportunidade de volver. Sempre dixen que non quería morrer en Barcelona, mais agora xa é algo tarde.

Por que marchou?

Eu empezaba na construcción e empezaron a dicirme os familiares que fose cara alá e, como tiña 17 anos, funme. Ao principio, botei moito de menos isto. O primeiro ano, polo Nadal, lles dixen aos meus pais que, se non ían verme, eu me viña. Despois xa quedei alí e tiven os fillos, que andan de vacacións por aquí.

Que opina do catalanismo?

Nós o vemos moi mal. Basta que empezasen con isto para que nos den máis ganas de virnos. Eu, se non fose polos dous fillos, xa non estaría alí. Anque non me xubilase, viña coa muller a onde fose: O Barco, A Rúa..., onde fose, mais alí non quedaba. Estamos asqueados.

Os demais galegos opinan así? 

Entre os galegos que vivimos alí, non coñezo ninguén que esté a favor daquilo. Cambiou moito.

De quen é a culpa?

Bótolle a culpa aos políticos de alí, porque llo permitiron. Sempre digo que o resto de España non sabe o que está a pasar. Sabe o que lle amosan.

Que bota de menos de Correxais?

Todo. O ambiente, o aire. Isto é respirar aire puro. Vas andar e respiras. Con este aire xa se vive. Sempre o botei de menos, e cada vez máis. Boto de menos todo.

A que adica o tempo en Vilamartín?

Fai 20 anos viña dúas ou tres veces; agora non. Cada vez que podo veño a Valdeorras. Aquí, adico os primeiros días a limpar a casa e despois a pasear e ir a O Barco, A Rúa. Isto é vivir. Eu sempre botei de menos isto porque aquí vívese ben.

Te puede interesar