audiovisual

A vila do Arenteiro convértese hoxe na capital do audiovisual

Preto de 30 proxeccións de películas e documentais, dende hoxe e ata o venres 4 de agosto

As Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga) desenvolveránse no Carballiño entre os días 31 de xullo e 4 de agosto, se ben terán como prólogo na noite de hoxe a proxección de "El bosque animado". A importancia desta nova edición das Xornadas "vén dada pola calidade da programación, así como pola oferta complementaria de exposicións, publicacións e proxeccións ao aire libre", subliña o concelleiro de Cultura, Diego Fernández.

Un completo programa para tódolos públicos, coa proxección de preto de 30 longametraxes, documentais e curtametraxes, no que non faltará a tradicional sesión infantil, ás 11,00 horas, no Auditorio municipal, cos filmes "Ballerina", "Richard, la cigüeña" e "Robby&Tobby, el viaje fantástico", de luns a mércores. Ademáis, na Praza Maior ofreceráse, o xoves, día 3, o filme "Maimiño", dirixido por Ernesto Padrón.

Tamén haberá un apartado específico adicado a Carlos Casares, o autor ourensán homenaxeado o Día das Letras Galegas deste 2017, co documental "Contando a Carlos Casares", de Gonzalo Veloso; a apertura, na Casa do Concello, da exposición "Casares, ao redor do cinema", e a conferencia "Casares e o cine", que correrá a cargo de Miguel Anxo Fernández.

E outra aposta da organización foi a edición do libro-programa, "un dos mellores da historia das Xociviga, pois contén textos de catorce directores, críticos e escritores, así como amplos reportaxes das películas, exposicións e publicacións desta edición", apunta Diego Fernández.

Dende o Concello carballiñés destácase e agradécese o patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Agadic, Deputación Provincial e Fundación Carlos Casares, entre outras institucións, entidades e colaboradores. "Sen estes apoios e adicación, non sería posible organizar un festival de tanto interese e cunhas publicacións sobresaíntes que trascenden o ámbito local e provincial para pasar a formar parte da historia da fotografía e da crítica cinematográfica galega", comenta o edil de Cultura.

Un evento que o Concello tamén pretende sexa un complemento ideal para o lecer de todas aquelas persoas que nesta tempada de vacacións estivais visitan a vila do Arenteiro.

Te puede interesar