Emilio Álvarez Fernández emigrou ao País Vasco cando acabou os seus estudos no 1979. Agora, recoñece que os vínculos son moi grandes tanto co Carballiño como con Vitoria, a cidade onde se estableceu.
Por que elixiu o País Vasco para emigrar?
Cando acabei os estudos de administrativo aquí non había traballo, tiña aos meus tíos en Vitoria e xurdiu a oportunidade dun traballo nunha empresa porque tamén tiña un curso de mecanografía, así que me fun para alá e traballei nunha oficina desde 1979 ata 1988.
Por que se convertiu despois en hostaleiro?
A empresa na que traballaba cambiou de donos e entrei a traballar no bar do meu tío e a partir de ahí foi ampliando ao comprar dous locais colindantes, así que me quedei definitivamente ata fai pouco que me xubilei.
Que bota de menos cando está alá?
A xente, o meu pobo de Longoseiros, a xente do Carballiño, onde prácticamente nos coñecemos todos, e o ambiente que ten.
Hai diferencias entre a vida que leva aquí e no País Vasco?
Si, bastantes diferencias porque alá o nivel de vida é máis alto, aínda que hoxe está un pouco parado, pero alí a xente sale máis e hai máis ambiente polas rúas.
E a calidade de vida?
Penso que alá a calidade de vida é mellor, e nótase moito por exemplo na Sanidade. No País Vasco a atención é mellor, aínda que aquí estase mellorando, pero alí hai profesionais moi formados e o trato é máis direto, máis persoal.
Nota cambios no Carballiño desde que se foi no 79?
Noto bastantes cambios, penso que baixou o ambiente de verán, faltan emigrantes, sobre todo de América, e vexo que o pobo non evolucionou moito, creo que hai pouca industria e eso afecta a outros sectores como o comercio ou a hostalería.
Como son os seus vínculos co País Vasco?
Son grandes. Alí hai moito galego sobre todo de Xinzo e do Irixo e coñecémonos todos, hai moita unión, e os vascos son moi abertos.