FESTA DO ESQUECEMENTO

Xinzo xa prepara outra loita entre castrexos e romanos

_esquecemento1_result
photo_camera Participantes na festa construíndo as vivendas e cabañas na alameda do Toural.

A vila do Limia abrirá hoxe pola noite unha nova edición da Festa do Esquecemento

Durante a xornada de onte, a falta dunhas poucas horas para que dea comezo a XVI edición da Festa do Esquecemento, aínda era moito o traballo que ficaba por facer na campa instalada no parque do Toural. Entre poñerlle teito ás casas ou rematar buracos e fogueiras, a actividade do campamento non cesou durante todo o día. Ningún detalle se lles podía escapar para as que, durante tres días, serán as vivendas de castrexos e romanos á beira do río Lethes. 

Así mesmo, operarios do Concello tamén levaron a cabo diversas actuacións ao longo desta semana, para adecuar o recinto do Toural á recreación histórica e aos distintos espectáculos programados para  que todo mundo poida gozar do evento sen incidentes.

E é que hoxe venres, a partires das 20,00 horas, abrirá xa o mercado tradicional nas rúas da vila. O inicio da festa continuará co prendido do lume no campamento do Toural ás 22,00 horas. Seguirá o primeiro desfile da fin de semana, no que as tropas de castrexos e romanos percorrerán as rúas e prazas do centro até se xuntar na Praza Carlos Casares, onde se procederá á invocación conxunta dos deuses. Aqueles que queiran vivir o espectáculo de primeira man poderanse achegar, xa pola noite, á Praza Maior ou á Praza Otero Pedrayo, para disfrutar dos espectáculos de lume.

Música e bailes completarán esta primeira xornada que continuará mañá sábado con actuacións e animacións en diversos currunchos da vila, cada media hora.  Pola tarde será o turno dos castrexos e romanos, que competirán nunha ximcana deportiva polo centro de Xinzo. Tralo segundo desfile, a partires das 19,30 horas, o gran Coliseo romano, situado na explanada do Toural dará conta das primeiras loitas de gladiadores.  Para rematar, música da terra da man do grupo Habelas Hainas, a partires das 00h, na Praza Maior.

Te puede interesar