As Xociviga homenaxearán ao Cine Club na súa 31 edición

photo_camera Unha das proxeccións do pasado ano, no auditorio ao aire libre da Veracruz (XESÚS FARIÑAS)

A organización incluíu no programa a proxección ao aire libre das primeiras películas galegas

As Xociviga (Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia), que se celebrarán entre o 11 e o 17 de agosto, farán un recoñecemento á labor da asociación Cine Club Carballiño, que sigue desenvolvendo a súa actividade desde 1969, ano da súa creación, e sobre todo, como responsable da creación das propias xornadas e como organizadora da maior parte das celebradas nestes 31 anos de existencia.

A xornada dedicada a esta homenaxe será a do 16 e contará coa presenza de profesionais do audiovisual de Galicia e Portugal, ademais da exhibición dunha das películas mais sobresaíntes proxectadas naquela primeira edición, no ano 1984, trátase do filme de Lauro Antonio, "Manhá Submersa", que causara unha sorprendente sensación e o descubrimento do descoñecido cine portugués.

Lauro Antonio, un clásico da cinematografía lusitana, estará presente para facer a presentación da película e disertar sobre a súa percepción da experiencia daquela primeira Xociviga e a súa influencia nas relacións e coproducións de Galicia-Portugal no eido audiovisual.

Esta 31 edición tamén incorpora por primeria vez sesións especiais con proxeccións ao aire libre en distintas localidades do rural das tres primeiras longametraxes do cine galego, conmemorando os 25 anos da súa estrea.

No ano 1989 estreábanse no cine Fraga de Vigo as tres primeiras películas galegas: "Sempre Xonxa" de Chano Piñeiro, "Urxa" de Alfredo G. Pinal e Carlos Piñeiro e "Continental" de Xavier Villaverde.

Por tal efemérides e, ademais, coa intención de promover a extensión das actividades das Xociviga e aproximación da cultura cinematográfica ao medio rural, organízanse unha serie de proxeccións ao aire libre en diferentes parroquias, que darán comezo na segunda quincena deste mes de xullo coa que vai ter lugar na parroquia de Santa Uxía de Lobás.

A organización das xornadas tamén prevé repetir a experiencia do pasado ano con sesións de cine ao aire libre no entorno da Veracruz.

Te puede interesar