VERANO

As Xociviga mostran vintecinco retratos de vellos galeguistas

20170731211401462_result
photo_camera José Luis Abalo, Francisco Fumega e Valentín García durante a presentación da exposición.

Tamén se publicou un catálogo que contén 55 fotografías das que é autor José Luis Abalo

Despois da xornada de inauguración coa proxección da película "El bosque animado", de José Luis Cuerda, na Praza Maior do Carballiño, as Xociviga continuaron onte coa inauguración das exposicións "Retratos Documentados", de José Luis Abalo, e "Casares ao redor do cinema". Ademais, o escritor Miguel Anxo Fernández impartiu unha coferencia sobre Casares e o cine.

Á presentación da exposición "Retratos Documentados" asistiu o autor, José Luis Abalo, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. A mostra, na sala do auditorio, é de 25 fotografías, aínda que tamén se daba a coñecer a publicación dun catálogo na que se recollen 55 retratos de persoeiros da cultura e da vida pública galega fotografiados dentro e fóra de Galicia.

Isaac Díaz Pardo, Teresa Castelao, Xosé Neira Vilas, Eugenio Granell, Avelino Pousa Antelo, Borobó e Isaac Díaz Pardo son algúns dos persoeiros que figuran nesta mostra.

Francisco Fumega agradeceu ao secretario xeral de Política Lingüística a súa asistencia ao acto e, sobre todo, a súa colaboración para editar o catálogo, e ao fotógrafo José Luis Abalo a súa deferencia por traer a mostra ao Carballiño. "É un honor", dixo, "contar nas Xociviga con esta mostra sobre persoeiros tan destacados do galeguismo". 

O fotógrafo José Luis Abalo, nado en Caracas pero residente en Galicia desde finais dos anos 80, explicou a xénese desta serie de retratos, centrado en persoas de idade avanzada vencellados co galeguismo. Asemade, considerou un privilexio retratar a todas estas persoas e amosou o seu agradecemento ás Xociviga, ao Concello e ao secretario de Política Lingüística.

Finalmente, Valentín García destacou a aportación para a memoria histórica de Galicia das imaxes desta mostra, ensalzando a iniciativa e a relevancia sobre todo de cara ás novas xeracións.
Desta exposición publicáronse 500 catálogos, que foron editados polas Xociviga en colaboración co Concello do Carballiño e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. 

Te puede interesar