VERANO

Xogando a realizar películas

20190730214012859_result
photo_camera Os rapaces atenden as explicacións de Fernando Cortizo, onte, no obradoiro de animación.
Un total de 27 nenos completaron as prazas para participar nos obradoiros de animación e creación audiovisual que están incluídos no programa de actividades desta 36ª edición do festival de cine

A sala de lectura xuvenil da Biblioteca Pública do Carballiño acolleu, na mañá de onte, un obradoiro de animación en "stop-motion" con plastilina, que impartiu Fernando Cortizo, o director da premiada película "O Apóstolo", que precisamente foi producida con este sistema de deseño gráfico. Un total de 17 nenos de 7 a 14 anos participaron nesta actividade, manexando materiais e ferramentas tales como libretas, lápices, plastilinas, papel maché para os decorados e armazóns para a creación dos seus propios bonecos. Ademais, dispuxeron dunha ampla base tecnolóxica, que incluíu ordenadores e softwares específicos, así como varios tipos de cámaras e lentes para obter deseños diferentes e co obxectivo final de aprender a facer as súas propias películas na casa.

 Esta actividade didáctica é a primeira das dúas contempladas na programación da 36ª edición das Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga), que se abriron o pasado domingo coa proxección ó aire libre da película "Sempre Xonxa".

Un segundo obradoiro celebraráse na xornada do venres, e tamén ten as súas 10 prazas cubertas. Trátase dun taller de creación audiovisual, que impartirá a cineasta Anxos Fazáns en horario de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 18,00 horas. Neste caso, os alumnos desenvolverán as habilidades suficientes "para crear a súa propia peza audiovisual, ademais de coñecer as bases da narración cinematográfica a través de visionados e prácticas, sen esquecer o seu espírito crítico como espectadores, e, de paso, mellorar as súas capacidades técnicas e creativas", apunta Anxos Fazáns, directora de "A estación violenta", a súa primeira longametraxe, que obtivo oito candidaturas ós premios Mestre Mateo na edición de 2018. Deste obradoiro resultará unha curtametraxe, que a organización estreará na xornada de clausura do festival carballiñés. Esta actividade foi introducida nas Xornadas grazas ó convenio de colaboración asinado o pasado luns entre o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte.

Te puede interesar