entrevista

Xulio Fernández: "O que nos move é o amor polo mundo da etnia de cada país"

Xulio Fernández, onte en Ribadavia (MARTIÑO PINAL).
photo_camera Xulio Fernández, onte en Ribadavia (MARTIÑO PINAL).

Detrás das Xornadas de Folclore hai moitas persoas traballando para que se celebren cada ano. Entre elas destaca a figura de Xulio Fernández, director artístico destas xornadas.

Como valoraría, en xeral, a edición deste ano?

Estamos moi contentos. A climatoloxía adversa condicionounos en cinco sitios, nos que tivemos que cambiar os lugares de actuación no exterior por outros no interior. Isto afectou á sonoridade das actuacións, pero case non se reflectiu. Incluso con mal tempo, a asistencia do público mantívose como en anos anteriores. Sempre con máis xente nuns sitios ca noutros, pero con moitos espectadores. Isto todo fai que nos sintamos máis contentos, porque superamos estes inconvenientes e á xente gustoulle o espectáculo.

A nivel da organización, como diría que traballaron esta edición?

A organización conseguiu grupos de calidade, o nivel foi superior. Ningún dos grupos baixaba o nivel xeral entre eles. Os espectáculos en conxunto saíron fabulosos. Incluso o intérprete de Taiwán nos dixo que nunca estivera nun festival con tanta calidade xunta. Nalgúns países unen a moitos e nótanse máis as diferenzas entre eles. 

Como describiría vostede a convivencia entre os participantes?

Dende hai anos a convivencia é boa debido a que estes grupos son especialmente seleccionados, onde teñen unha especie de cualificación en función de dúas cousas: o nivel artístico e o nivel de comportamento. Estas dúas cousas son importantes para o Consello Internacional de Organizacións de Festivais de Folclore (CIOFF) da Unesco. Nós, ó acabar o festival, emitimos un informe dos grupos, igual ca eles o fan sobre os festivais. Excepto algún grupo que veña por primeira vez, do que non haxa referencias, dos outros xa temos opinións previas a nivel artístico e de comportamento. Ademais diso, todos estes grupos excepto Taiwán, viñan dun circuíto semellante no que xa se coñeceron e xa fomentaran relacións de amizade e compañeirismo. 

E a súa convivencia coa organización?

Somos un núcleo conxunto, compartimos intereses e inquedanzas. Rematamos sendo unha familia. Uns máis novos e outros máis vellos. O que nos move é o amor ao mundo da etnia de cada unha, do globalismo ben entendido no que respectamos e aplaudimos ás outras nacións que veñen coa posibilidade de mostrarnos a súa cultura. Facemos o noso micromundo e estamos felices de compartir estes días as diferentes culturas. 

Ao finalizar o festival, como revisan os resultados do certame?

Na organización en Ourense facemos unha autocrítica, mirando as cousas que podemos mellorar para o ano seguinte. Logo, a nivel da CIOFF, facemos informes sobre os grupos e eles sobre os festivais. Neles mídense parámetros como o aloxamento, a atención por parte dos guías, a comida, os escenarios, o equipo de son, unha valoración moi completa a raíz dun cuestionario que lle damos ao comezo. Pola nosa parte, analizamos os grupos que nos serve a nós e a outros festivais. Hai congresos internacionais nos que se publican estas valoracións para que todos as coñezan.

Que pode adiantar de cara ó próximo ano?

Temos xa apalabrado con oito grupos. Seis virán a Ourense e dous quedan na reserva por se algún fallase. En caso de non chamalos, conseguiríaselle unha xira para cubrir esas datas. Para o ano teremos ao grupo de Sudáfrica, que foi gañador de Got Talent no seu país e pasou polo festival hai un ano. É unha actuación que gustou moito e non paraban de pedir que volvesen. Xa pasou algún tempo para que non fose repititivo e para o ano estarán aquí nas XXXVII Xornadas de Folclore.

Te puede interesar