Elecciones Municipales 2023

Tres opcións para acadar o próximo 28M un ambiente político estable en Viana do Bolo

Andrés Montesinos, Secundino Fernández y Germán García-Ávila, candidatos en Viana do Bolo.
photo_camera Andrés Montesinos, Secundino Fernández y Germán García-Ávila, candidatos en Viana do Bolo.

Atualmente Andrés Montesinos, do Partido Popular, ocupa a alcaldía vianesa. Este partido contou nas pasadas eleccións con 4 concelleiros, igual que o BNG, mentras que os tres restantes foron acadados polos socialistas.

Andrés Montesinos, Sencundino Fernández e Germán García-Ávila son os tres candidatos que optan á Alcaldía do Concello de Viana do Bolo nas eleccións municipais do próximo 28 de maio. Os tres analizan o último mandato, os seus obxectivos para os próximos comicios e as necesidades do municipio. 

Andrés Montesinos (PP)

Andrés Montesinos.
Andrés Montesinos.

Como valoran estes últimos catro anos do Goberno municipal?

Eu podo valorar os últimos 32 meses que son os que levamos no equipo de goberno e que, con sinceridade, deron moito de si. Sacóuselle moito rendemento a pesares do pouco tempo que tivemos e das trabas por parte do BNG, pero o balance foi moi positivo. Executáronse obras que a cidadanía viña reclamando dende hai tempo, como o arranxo da estrada de Santo Agostiño, a rehabilitación de diversos edificios para locais sociais, reparación e melloras en moitas edificios e instalación municipais –casa da cultura, antigo centro de saúde-, novos proxectos de rehabilitación –Praza de Abastos-, melloras de saneamento en varios pobos ou recollida de plásticos aos gandeiros. Mellorouse a depuradora municipal, as rúas da vila e dalgúns pobos, limpeza de camiños, ou o acceso ao Cabo da Vila dende a estrada de Vilariño de Conso. Elaborouse e aprobouse a Relación de Postos de Traballo do Concello para mellorar o funcionamento e dar un Servizo máis eficaz aos cidadáns. Foron moitos melloras que saíron adiante pese a non dispoñer dos catro anos para facelo. 

Cales son as necesidades, carencias e prioridades que ten actualmente Viana do Bolo?

O noso concello carece dun parque industrial para poder atraer empresas que se poidan instalar na zona. Traballaremos para facelo realidade. Tamén carece dunha “Casa do Maior”, proxecto que xa se elaborou e que tentaremos levalo a realidade nesta próxima lexislatura. Apostaremos por proxectos que sexan viables, que sexan útiles para a veciñanza. Trataremos de axudar e promocionar os nosos gandeiros, agricultores e apicultores, para que a calidade do noso vacún e do noso mel non se perda. Temos en mente darlle un empurrón a todo o relacionado co turismo –deporte, ocio, hostalaría, novas instalacións como a construción dun aparcadoiro para autocaravanas- aproveitando a proximidade coa estación de Alta Velocidade e seguir así promocionando a oferta cultural existente: Entroido, Festa da Androlla ou Mascarada Ibérica. Queremos darlle a coñecer a xente que nunha localidade como Viana do Bolo tense unha calidade de vida que non existe nas grandes cidades, e para iso, temos que seguir traballando e loitando, para que non se perdan nin servizos nin infraestruturas. 

Que obxectivos se marcan para as eleccións do 28M e os próximos catro anos?

O obxectivo do PP e intentar acadar a maioría absoluta para seguir nesta liña de traballo e que esa maioría nos permita poder realizar os proxectos futuros. A nosa candidatura conta con xente nova con ganas de traballar e ao mesmo tempo con xente con experiencia política, o que nos da un equilibrio entre ambas partes, Apostamos por levar a cabo unha política construtiva.

Secundino Fernández (BNG)

Secundino Fernández
Secundino Fernández

Como valoran estes últimos catro anos do Goberno municipal?

Para explicar estes catro anos hai unha data fundamental. Moción de censura na que o PP e os tránsfugas do PSOE nos expulsaron do goberno. O primeiro ano da lexislatura estivemos gobernando e resolvendo os problemas da veciñanza, lembremos que no ano 2020 comezou a covid. Nese ano de goberno o BNG, a pesares do boicot total do PP e PSOE, foi un goberno que resolvía, que atendía as demandas das veciñas e veciños con proxectos. Resolvemos por fin a situación da estrada de santo Agostiño, creouse a oficina de turismo, actuouse na recuperación do patrimonio coa recuperación do foxo do lobo, actuouse nas parroquias con melloras nas vías e locais sociais. Sen embargo, todo cambiou coa moción de censura. No concello de Viana do Bolo entrou un desgoberno que non resolveu, que volveu aos tempos escuros de Montesinos, volveu a desidia, a nula defensa dos intereses de Viana. Tres exemplos: Estrada de Santo Agostiño en tres anos non foron capaces de executar o seu arranxo e a veciñanza continúa sufrindo o seu estado. Permitiron que Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) fora para o municipio da Veiga, e con elo o servizo é os postos de traballo. A limpeza viaria na capitalidade municipal da pena, así como estado no que actualmente teñen Viana.

Cales son as necesidades, carencias e prioridades que ten actualmente Viana do Bolo?

A prioridade en Viana do Bolo é que a casa do concello volva ser para todos, que todas as veciñas e veciños teñan as mesmas oportunidades. Sacar a Viana do letargo e abandono na que a sumiron estes anos de goberno Montesinos. Novas políticas transformadoras e positivas, actuacións para servizo da veciñanza ou levar a cabo a adquisición da finca dos Colemán para a creación dun parque público. É necesaria a defensa dos sectores produtivos. Que se volva a sentir gañas de progresar e avanzar. Viana do Bolo está cansa de caciquismo e das políticas negativas do PP de Montesinos.

Que obxectivos se marcan para as eleccións do 28M e os próximos catro anos?

O obxectivo que nos marcamos para as próximas eleccións do 28M é acadar a maioría absoluta. As veciñas e veciños de Viana teñen que pensar no que pasou neste lexislatura que remata. Se Viana quere que gobernemos, que traballemos pola veciñanza, que o magnifico equipo que conforma a candidatura do BNG poda traballar polo desenvolvemento de Viana. Entón temos que ter a maioría para poder facelo.

Como dixen no acto de presentación da candidatura. Agora hai dúas opcións, hai dous modelos, Montesinos ou Secundino. Que elixa Viana.

Germán García-Ávila (PSOE)

Germán García-Ávila
Germán García-Ávila

Como valoran estes últimos catro anos do Goberno municipal?

Durante os últimos catro anos sentímonos moi mal tratados. O partido socialista apartou ás persoas que non cumpriron co partido pero aínda así o BNG  continuou a tratarnos como traidores. Durante a xestión dos nacionalistas non se levou a cabo ningunha obra relevante e o Partido Popular gastou unha gran parte do remanente do concello en obras faraónicas que non aportaron nada a veciñanza. Durante estes catro anos non se atenderon as peticións dos veciños, os pobos e Viana están completamente abandonados. Non hai limpeza, os xardíns están sen atender e os parques non se poden utilizar.A xestión da última lexislatura non foi positiva para Viana. Ningún dos gobernantes fixo nada significativo e por suposto,  non se atenderon as necesidades básicas dos veciños.

Cales son as necesidades, carencias e prioridades que ten actualmente Viana do Bolo?

É necesario baixar á terra. Debemos atender as necesidades máis básicas dos veciños. Os pobos están abandonados, os camiños non se desbrozan e as calzadas están cheas de fochancas. É necesario atender o mínimo deterioro xa que logo é máis complexo facer fronte a eles. É de primeira necesidade construír un aparcadoiro que permita liberar a Praza Maior de vehículos para que este sexa un espazo de lecer, unha proposta que o partido socialista xa fixo nestes catro anos. Dende o noso partido propúxose tamén a creación dun Centro de Día, iniciativa que foi aprobada fai máis de dous anos pero que nunca chegou a executarse.

Que obxectivos se marcan para as eleccións do 28M e os próximos catro anos?

Aspiramos a ter o respaldo o respaldo suficiente que nos permita gobernar e rematar dunha vez co ambiente de crispación entre o PP e o BNG. Existe un enfrontamento persoal que se traslada a veciñanza e que chega a ser irrespirable. Apostamos por sacar adiante o proxecto do Centro de Día. Crear eses aparcadoiros que liberen o Casco Vello de vehículos a través nunha negociación cos propietarios e levar a cabo un paseo fluvial entre a Ponte de Fradelo e a Ponte da Gudiña. Apostamos por proxectos viables e asumibles que permitan mellorar a calidade de vida da veciñanza, por iso, precisamos que nos dean a oportunidade de executalos, de facer realidade iniciativas que xa se propuxeron con anterioridade. No eido cultural apostamos por un traballo conxunto coas diferentes asociacións, apoiando e ampliando a súa actividade. É preciso declarar o Entroido vianés de Interese Turístico Nacional, un proceso xa iniciado polo noso partido que debe ser realidade. Apostamos por mellorar a calidade de vida dos nosos veciños, evitar que moitos deles se vaian e conseguir que retornen aqueles que están fora.

Te puede interesar