O Invernadeiro contará coa maior inversión da súa historia

Ángeles Vázquez xunto a mebros do Concello de Vilariño e persoal do Parque Natural do Invernadeiro.
photo_camera Ángeles Vázquez xunto a mebros do Concello de Vilariño e persoal do Parque Natural do Invernadeiro.
A Xunta de Galicia destina 1.400.000 euros  á conservación e realización de melloras do espazo

A Xunta de Galicia destina preto de 1,5 millóns de euros a varias actuacións de conservación e mellora do Parque Natural do Invernadeiro. Así o anunciaba  Ángeles Vázquez,  conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda , durante a visita que realizaba a este espazo situado no Concello de Vilariño de Conso. 

Trátase do maior investimento realizado polo Goberno galego no Invernadeiro. Do presuposto total, 1 millón de euros será destinado a obras de rehabilitación enerxética das edificacións do complexo do Centro de recepción de interpretación do parque, no marco do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (Pirep). “Dado que se trata de edificacións de máis de 20 anos de antigüidade, cómpre levar a cabo unha serie de melloras para a redución de ata o 90% das emisións de CO2 e do 80% do consumo de enerxía primaria non renovable”, explican dende a Xunta de Galicia.

 Nesa liña, a entidade autonómica ten previsto intervir sobre catro inmobles do complexo cos obxectivos de mellorar o illamento térmico así como remodelar a calefacción das edificacións a través de ventilación mecánica e recuperadores de calor. Tamén se levará a cabo a instalación dun falso teito na planta baixa e a substitución de carpinterías, de paneis solares e da iluminación actual.

Por outra banda, Ángeles Vázquez salientou que os 400.000 euros restantes serán destinados a “impulsar accións de protección fronte a ameazas que poidan incidir na conservación e a perda de biodiversidade de hábitats e especies, como poden ser o cambio climático ou a proliferación de especies exóticas invasoras”.

Para contrarrestar eses riscos, a Xunta está a promover accións para a mellora de hábitats de matogueira, a restauración ecolóxica forestal a través de balsas de decantación para frear arrastres de sólidos e a realización de plantacións e sementeiras de vexetación autóctona. A maiores, créanse corredores ecolóxicos, recupéranse especies de hábitats de interese comunitario e auméntase a conectividade de ecosistemas eliminando a estrutura do antigo peche para gamos.

“Todo isto axudará a reducir os impactos negativos e mellorar a resiliencia do medio fronte ao cambio climático e as actividade humanas, permitindo asegurar a conservación deste espazo natural”, argumentou Vázquez, quen tamén adiantou que na próxima anualidade está prevista a creación dun miradoiro na zona coñecida como río Pequeno. Melissa Macía, alcaldesa de Vilariño de Conso, aplaude esta inversión realizada e sinala que “estas son algunas das medidas que levamos trasladando incesantemente a Xunta. É preciso apostar polas especies autóctonas para aminorar os incendios forestais”, declara. Ademais, asegura que a preocupación polo Parque Natural por parte do Concello é total, o tratarse dun referente con un gran potencial que permite afianzar a marca “Destino Vilariño” e atraer cada vez máis visitantes a este municipio do sureste ourensán.

Te puede interesar