José Ramón e Isaura, 40 años de oficio coma pulpeiros

Pulpo, sal, pimentón e aceite de oliva. Catro ingredientes para elaborar pulpo “á feira”. Contado así parece sinxelo, pero algo máis ten que ter cando o sabor, a textura e o punto que lle atopan os pulpeiros é inigualable. José Ramón e Isaura cumplen 40 anos neste oficio, anos de percorrer festas e feiras, de coñecer a miles de persoas, de crear vínculos con elas… porque ser pulpeiro e moito máis que cocer pulpo. É facer amizades e lograr a fidelidade dos clientes a base de bo produto, simpatía e carisma. Hoxe domingo, faivos unha ración?

Dise axiña, pero levan 40 anos dedicados a preparar pulpo nos seus postos do Couto e Marcelo Macías. Un oficio que, polo que sei, lle ven dunha arraigada raíz na tradición familiar.

Isaura: No mundo dos pulpeiros, se non vales para unha cousa, vales para outra, así que dende ben rapaza, cando aínda non cocía, ía polos platos, carrexaba leña, ou ía na búsqueda de calquera cousa que faltaba. Cando rematei a EXB non quixen estudiar máis e tras un par de meses de “repouso”, meu pai díxome “se ía estar durmindo toda a vida”, que espabilase. E como sabía da miña avóa que me quería traballando con ela de pulpeira, alá fun. E con 15 anos comecei no oficio. Foron os meus avós, Sara Hermida e Secundino González, os que me ensinaron todo desta profesión, e cando eles se retiraron, eu quedei coa clientela deles. 
No seu caso, José Ramón, se me permite, pódese decir que é pulpeiro por amor.

(Risas). Algo así. Eu traballaba na albañilería, e cando nos casamos metínme a pulpeiro. Tiñamos que decidir seguir na construcción ou no pulpo. Para Isaura era moito máis levadeiro, e así o fixemos.

Isaura: Para mín era moi pesado traballar na construcción, aínda que ao principio incluso lle cheguei a axudar. Pero tamén me tiraba a tradición familiar. Con todo, en Carballiño as mulleres nunca tivemos problema de traballar soas, fosen solteiras ou viúvas e aínda a día de hoxe o siguen facendo.

E chegou o momento de colocar o posto os domingos na cidade. 

Isaura: Casamos en xaneiro do ano 83, e xa a finais do 82 eu comezara co posto no Couto, e, unhos meses despois, xa nos instalamos en Marcelo de Macías. 
Pero ter o privilexio de poder ter un posto de pulpo os domingos na cidade non sempre foi así.

Isaura: A historia dos pulpeiros na cidade comezou en Velle, co mítico Cuco de Velle e a súa charanga que tocaba música tradicional e os asistentes, bebían viño da súa propia colleita na taberna A Palleira, que el mesmo rexentaba. Alí chegaba moitísima xente para beber unha cunca e acompañala por unha ración de pulpo. E o meu pai era pulpeiro alí cando miña tía, a Morena, non podía ir. Logo chamaronno para poñer en Oira, el dixo que non e miña tía tampouco porque tiñan xa os seus postos. Así que foi A Morocha, que aínda segue alí a familia a día de hoxe.

O home da Morena puxo un posto no barrio do Vinteún, e xa de alí a un ano xa nos puxemos nós no Couto, e logo en Marcelo Macías. Xa no ano 93 ou 94, fixose unha regulación propia xa que os postos prolifereban e era necesario manter unha orde. 

Pero aparte son moitas as feiras e festas que teñen as súas costas en moitos recunchos de Galicia?

Isaura: As cousas como son, cando comezamos mandábannos as feiras máis ruíns que había (risas). Decía meu avó que ese era o mellor xeito de collerlle cariño ao que facíamos. E moi desencamiñado non ía… 

José Ramón: Daquela tamén se facían as verbenas e fartamonos de estar nelas. Saíamos os domingos do Couto e da Carballeira e íamos en sesión de tarde a lugares como as Marabillas, A Saínza, a Reza, a Alongos… Agora esas verbenas xa se remataron. Estamos falando de que antes unha festa comezaba as 19,00 horas, non como agora que hai que saír ceados da casa que ata medianoite non tocan (risas).

Isaura: Que tempos aqueles… chegar a casa, ducharte, tirar o corpo na cama e erguerse pouco despois para volver a ela. 

Ao longo da semana tocan feiras.

Isaura: Temos aquelas ás que ían os meus avós. Cando eles se xubilaron, nós tiñamos tamén xa as nosas feiras. E hai que atender á clientela de sempre.

José Ramón: Normalmente á xente segue onde estaban ubicados os postos familiares. Non porque os hereden, senón máis ben porque é moi complicado para unha pulpeira comezar de cero nun lugar onde está arraigada outra familia no oficio. 

Falamos entón dunha fidelidade que se transmite de xeración en xeración. 

Isaura: Totalmente. Eu traballei 20 anos cos meus avós, así que ninguén coma mín vai saber mellor como quere o pulpo tal ou cal persoa. 

Sei que non mo van decir, porque pedir que se descubra o segredo do pulpo ben feito… vai ser moito pedir.

Isaura: Non, eso non se di nunca (risas). Cada un ten os seus segredos. Supoño que a experiencia. Pero ser pulpeiro non solo é cocer pulpo. É moito máis. É o carisma. Conocer á xente. Saber atendelos. Darlles un cariño. Vai moito máis alá. 

José Ramon: A xente que ven, ven por un trato persoal. Porque nos coñecen. E tamén porque os escoitamos, contánnos as súas cousas, nos preguntamos pola súa xente, mantemos unha conversa… e acabánse creando vínculos que se un día falla algún dos habituais, preocupámonos. 
Isaura: E con todo antes aínda era moito máis. As pulpeiras ían a pé as feiras, coas súas caldeiras, e paraban no camiño durmindo nos palleiros ou nos curros, ou onde os deixaban. E aí coñecíanse e ata convivían. Coñecían á xente de tódalas casas por onde pasaban. Ían deixando as súas amizades. 

E así como o voso é un traballo que pasa de xeración en xeración, tamén o fara a vosa clientela.

Isaura: Temos de clientes a netos de xente que lle compraba aos meus avós. Imaxina. E como na miña casa, calquera das outras pode decirche o mesmo.
Dende os vosos inicios, o voso mundo tamén ten evolucionado, incluido o prezo.
Isaura: Imaxina. Os meus bisavós seica cocían nas feiras carne ao caldeiro e bacalao. O bacalao foi subindo de prezo e foi entón cando se comezou a cocer pulpo. E os ricos eralles un desprezo comer pulpo. E a xente pobre, dos anos 20 ou 30, non tiñan nin para pulpo sendo tan barato. Resultado: non se vendía nada. 

José Ramón: Co tempo foi collendo fama. Grazas tamén a intensa labor de tódolos pulpeiros e a súa promoción. Hoxe non hai voda que se precie sen pulpeiro, hai zonas que unha festa faise ao redor dunha pulpeira…

En tantos anos, terán unha manchea de anécdotas.

Isaura: Tantas, que agora mesmo non me acorda ningunha… Recordo que unha vez chamaronme para un enterro. Eu dixen que non… non me parecía de recibo. Viña unha familia moi grande e decían de irlles cocer para comer todos xuntos, ter unha cociñeira. A mín deume algo de reparo. Outra cousa é que veñan a polo pulpo e o leven para comer.

O das pulpeiras é todo un mundo… con certa rivalidade?

Isaura: Hai competencia, pero o refrán é vello: “arrieiros somos e na carretera nos atoparemos”. Entón ao final, de quen botas mán? Do compañeiro. E nese momento todos se volcán.

José Ramón: Hai moito respeto entre nós. Rivalidade, pero tamén compañeirismo e cando hai que arrimar o ombro, ninguén falla. 
Isaura: Ves? Agora acordoume outro detalle. Tiña prevista unha festa para febreiro, pero que eu pensaba que era en marzo. Así que o día da festa, eu estaba co pulpo cocido en Chantada. Nesta chama o señor para saber a que hora chego… quedei blanca… tanto que todos o notaron. E o momento os compañeiros comezaron a sacar racións de tódalas caldeiras, chamei aos de Ourense, e o mesmo. E o mediodía estaban todos comendo o pulpo. E eso que era na Coruña. A mín sempre me dixeron que se fala mal da competencia, falase mal dun mesmo. 

40 anos de traballo e 40 de matrimonio…

Isaura: Os matrimonios dos pulpeiros son a proba de fogo. Son moitos anos xuntos da mañá a noite. E coma nós, moitos.
José Ramón: Lévase ben! Non hai queixa.

Hai relevo xeracional?

Isaura: Aí andamos. Están aprendendo. Nós fomos pais tarde, entón aínda son moi novos. De momento están formándose. 
José Ramón: En Arcos hai moita xente nova, con carreiras, que está traballando no sector. Ou porque non tivo outras oportunidades ou porque lle gustou. 

É moi duro?

José Ramón: Moito, pero teñen que aprender. 
Isaura: Eu sempre dixen que aquí non temos “ninis”. Aquí ou se estudia ou se traballa. Como en calquera casa de aldea. Ti estás na universidade e cando ves, hai que axudar coas patacas, a herba…

Botando a vista atrás, cambiaríades de oficio?

Isaura: Nunca. Teño o cú moi inquedo para estar nunha oficina e unhos horarios. Ademais é fermoso coñecer tanta xente, falar con uns e outros, aprender do que che contan… Só che digo unha cousa: viches a algunha pulpeira que despois dun día de traballo deixase de sorrir? Aínda que teñan 70 ou 80 anos. Eso dio todo.
José Ramón: Hoxe en día, con tanto despoboamento, é unha ledicia ter unha boa charla coa nosa xente máis maior. É canto temos que aprender deles. E tamén da máis nova.

Te puede interesar