Lito Prado: Xogando e aprendendo

Ourense. 19-05-15. Local. acto de Anova nas Burgas. Na foto o candidato Lito Prado
foto: Xesús Fariñas
Nestes días de confinamento todos botamos máis de menos que nunca saír á rúa a desfrutar do aire libre e as posibilidades de xogo que nos ofrecen os espazos abertos. Unha arela que chega tamén en anos nos que as pantallas gañaron vantaxe sobre o divertimento libre no que con poucas cousas, unhas regras básicas, compañía e certa liberdade se pasaban horas de entretemento e movemento. Pero o xogo tradicional volve, e é un éxito. Non podía ser menos, por algo está testado por xeracións que confirman que tanto nenos como maiores desfrutan deles. Lito Prado fálanos deles.

Traballa no Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, cóntenos, a que se dedica este centro?

Trátase dun departamento da Deputación de Ourense que se ocupa de todo o relacionado coa cultura tradicional. Nel hai diferentes apartados como un destinado a realizar estudios e investigacións dos xogos populares, e dalos a coñecer mediante obradoiros en centros escolares, ou o dedicado a ensinar canto e baile, ou a tocar instrumentos musicais tradicionais. As exposicións itinerantes son tamén parte dese traballo de difusión que achegamos a toda Galicia e mesmo ao resto de España.   Temos tamén unha vertente de publicacións, como é a revista “Raigame” na que se poden atopar colaboracións de diferentes especialistas en  materias como a etnoloxía e a cultura tradicional. E non debemos esquecer o calendario de grandes accións externas como a celebración da Romería Raigame que coincide coas Letras Galegas, e que este ano se tivo que anular por mor do COVID-19, ou as Xornadas Internacionais de Folclore. E sen esquecer as actuacións do grupo de baile da Escola Provincial de Danza - Castro Floxo por todo o Estado e Europa, ou o Museo do Traxe Tradicional en Santa Cruz de Arrabaldo, un recurso máis para o turismo ourensán sen perder de vista a tradición. 

E dentro desta manchea de actividades, vostede está especialmente involucrado no apartado do xogo tradicional e popular.

Efectivamente. Dende o meu ámbito dentro do Centro de Cultura Popular, levamos a centros educativos, asociacións, concellos e centros de maiores, os xogos tradicionais. Pero o noso traballo non só é mostralo, senón tamén recollelo. Así, facemos estudios e investigacións para a recuperación destes xogos que se dan a coñecer mediante publicacións, tanto destinadas a escolares como outras xa enfocadas en xente máis especializada.

Ten un mesmo xogo moitas diferenzas dependendo de onde se practique?

Moitísimas. Hai certos xogos, que aínda que non son coñecidos pola maioría da sociedade, seguen a estar moi vixentes nos seus concellos. E con diferenzas entre eles. Un exemplo, sen saír de Ourense, son os bolos. Hai moitos concellos nos que se segue xogando aos bolos con diferentes regras, léxico, formas… En Parada de Sil, por exemplo, recuperáronos a través da labor dun educador e o concello, e nós mesmos estamos tratando de recuperarlos na zona de Cualedro, onde se xogaba aos “vinte” tendo incluso unha zona para a súa práctica: a eira dos “vinte”; tamén están moi presentes en Manzaneda, en Viana… e en todos estos lugares con pequenas diferencias na súa semellanza.

Así e todo, o xogo é universal.

Si. No momento en que empezas a investigar un pouco, sobre todo nos xogos infantís, ves que son moi comúns en todo o mundo. Só varían en tres cousas: o nome do xogo, que ven dado pola lingua que se fala. Por exemplo, en Galicia temos o brilé, en Madrid é o balón prisionero e en EE.UU é o "Dodgeball" e conta ata cunha liga propia. 

A segunda cousa que varía é o material de que se fan o xogos, que é consecuencia dos recursos do lugar onde se practica. Aquí xogamos á billarda, que tamén se practica, por exemplo, en Pakistán, (Guli-danda o Gilidanda), pero os nenos do Sahara non coñecen a billarda, porque para xogar a ela necesítanse paus, e para ter paus, precisamos árbores, e no Sahara non as hai. Outro exemplo de que o entorno é esencial témolo, como curiosidade, nos nenos esquimais, que coñecen máis de 50 xogos relacionados con bolas de neve, cantos coñecemos aquí?

A terceira variable ven dada pola cultura de crenzas, por exemplo a relixión. Un xogo como os pelouriños, ten aquí forma de cruz e, en Marrocos, o mesmo xogo, ten forma de media lúa. 

Son xogos nos que tamén hai menos estrés que nun “Call of duty”. Cales son os seus beneficios?

Todos os xogos teñen beneficios. Todos. Cando apareceron os videoxogos, eu pensei que a miña filla ía ter máis sorte ca mín, porque tería novas ventás para a diversión que se sumaban ás que eu sabía. O problema é que algo que ía ser un recurso, se converteu “no recurso”, en algo único e excluinte, chegando a provocar a desaparición dos xogos máis tradicionais. Tampouco axuda a figura de pais sobreprotectores que temen en exceso que os nenos se magoen, se manchen ou corran perigros varios… entón, a cativada acaba en parques, unhos espacios pechados con muro e porta, ou en zonas de lecer nas que se prohíbe xogar ao balón, ir en bicicletas ou correr… xusto as cousas que máis felices poden facer a un rapaz,  e que se relacionan directamente co xogo. Isto acaba provocando o aburrimento do neno e, como consecuencia, prefira quedar na casa e os pais lle den un videoxogo, ou pasen horas fedellando co móbil.

A consecuencia de todo isto é que o neno perde a experiencia de como ten que ser un xogo; perden a preparación previa, a paciencia de escoitar cales son as regras, entendelas e incluso acordalas. Pódese decir que os rapaces vólvense máis vagos á hora de aprender novos xogos. 

Tamén é importante incidir no valor do xogo como elemento igualador de clases sociais. Para practicar a billarda ou o pilla, non precisas nada e pode xogar calquera rapaz, con ou sen recursos. Sen embargo, as consolas e o móbil xa dependen do gasto que as familias se poidan permitir. E sen contar que o acceso a Internet, aínda tendo cartos, non chega a tódolos sitios por igual. Cousa que quedou demostrada nestes tempos que nos tocaron vivir. 

Pero todo cambia cando chega a un colexio coa súa proposta…

Os xogos foron ensaiados durante séculos en diferentes circustancias e por infinitas xeracións de humanos ata fai un par delas. Eran divertidos, seguros e funcionaban. Co cal, cando se lles propón de novo aos nenos e nenas, están encantados con eles porque xa están testados. Hai un cadro “Juegos de niños”, de Pieter Brueguel, no que debuxou 54 xogos que practicaban os nenos en Flandes a finais do século XVI. Meu avó, sen ir nunca por esas terras, e vivindo catro séculos despois, resulta que xogaba aos mesmo. E así, xeración tras xeración. 

Outro factor a considerar é a implicación dos  maiores.

Cando se xuntan diferentes xeracións para o xogo, de repente descobren que todos o desfrutan por igual. Para os maiores é recordar a súa infancia, e, para os cativos, supón aprender algo novo. Hai que decir que os rapaces de agora terán tamén bos recordos dos xogos, pero, a diferenza dos tradicionais, non os poderán recuperar cando eles queiran. Os de agora poderán practicalos se hai un interese comercial. Eu, por exemplo, que fun das xeracións que comenzaron a ir aos recreativos, só puiden revivir o que era xogar ao "Spectrum" cando a empresa que o creou decidiu adaptalo ás novas plataformas. E fixóo porque viu  certo filón económico co movento “remember”.  

Tamén vemos como nos cartaces da programación das festas locais aparece cada vez máis o anuncio de “xogos populares”, coa vantaxe de que son interxeneracionais involucrando a nenos e maiores divertíndose xuntos. 

Como son estos días para a súa actividade profesional?

Á espera como tantos sectores. A saúde está por diante de todo. Volveremos con seguridade, porque unha das premisas para disfrutar dun xogo é que sexa seguro. Cando se dén as concidións, aí estaremos. De todos modos, dende os nosos domicilios seguimos tentando avanzar naquelo que podemos e pondo ao día cousas pendentes. 

Mirando ao futuro, que é o primeiro que vai facer cando nos permitan saír con liberdade?

Xuntarme con amigos e familiares.

Haberá xogos?

Seguramente. 

Te puede interesar