Portada

Piquico converte o Entroido en arte

Ángel Manuel Rodríguez Romero, máis coñecido como Piquico sempre tivo un xen artístico. Tanto foi así que se licenciou en Belas Artes pola universidade Complutense de Madrid na especialidade de deseño, traballos en pintura, debuxo, fotografía, decoración e escultura

Son 26 pezas que son mobles, esculturas e representacións do Entroido. Así, dende os boteiros de Viana, miña terra, aos peliqueiros de Laza ou as pantallas de Xinzo están reflexados en diferentes mobles que todos temos: lámpadas, cadeiras, mesas, espellos… No que atinxe ao material, están feitos en madeira de diferente tamaño, dende un a cinco metros, e aplicolles diferentes cores e texturas, e incluso outros materiais como o granito ou a lousa.

Agora son 26 pezas, pero como e cando comezou todo?

Fai máis ou menos 12 anos cando fixen a primeira gran peza. A partir de aí, cada vez fun tendo máis interese no Entroido e coñecendo outros máis rurais e peculiares. A súa expresividade e relación coa natureza, que sempre espertan os sentidos, o seu corido, fixeron que seguise traballando nesta temática.

Que busca transmitir con esta mostra?

Sendo de Viana e da provincia de Ourense, o Entroido é todo un ritual. Estando tan preto non podía menos que facer algo desta temática. Para mín esta época é algo moi espiritual cunha mensaxe contida de tradición, cor, son, movemento…
A mostra busca expresar a continuidade entre corpo, roupa e moble. Representar unha conxugación entre o atávico da festa e a modernidade, xogando cos personaxes do Entroido, o seu animalario e os elementos típicos e simbólicos de esta festa.

Como artista, como se definiría?

A nivel técnico estou alonxado do que se considera “oficial”. Vou ao meu ritmo. Con respecto as miñas obras, reflexan o que eu sinto. Tento plasmar o tempo e o espazo nunha obra de arte. Gústame moito a expresión da cor, son colorista.
A figuración realista é outra das características da miña obra. Pezas que levan moito traballo, que tamén levan toques doutros materiais como o granito, a lousa, a pedra, chapa… para darlle riqueza á base que é a madeira.

Por que a madeira?

É un elemento máis sinxelo de traballar, con pouco peso, e que tamén ten a súa evolución. Ademais sempre é fácil atopar madeira.
A fotografía e a pintura son outras dúas expresións artísticas nos que tamén se mergullou.
Teño feito algunha exposición de pintura, un ano gañei o premio do deseño do cartaz do Entroido de Viana, teño fotografía do Entroido… Con todo os diferentes ámbitos seguen unha armonía, pero o meu traballo non me permite ter tempo para todo. A ver de xubilado…

O longo da súa traxectoria ten obtido numerosos recoñecementos.

Son moitos e moi diversos. Dende fotografía como o 1º premio Maratón Fotográfico Viana do Bolo (1989) ou a Mellor fotografía Maratón fotográfico de Vigo (1995) ata o 1º premio concurso cartel café de “Catro a Catro”, Vigo (1997) ou o 1º premio  Certame de Escultura Alexandre Bóveda, do  Concello do Grove (2000). Sen esquecer o 1º premio no concurso carteis de entroido, Viana do Bolo,  Ourense no 2018.

Agora que o di, non nos podemos esquecer que vostede é mestre. Como ve as novas xeracións?

De Plástica, en Vigo. Efectivamente. Eu penso que máis que pensar en si os rapaces senten inquedanzas pola arte, a pregunta é se se lle da a importancia que se debe dende a docencia. Se se lle dan as ferramentas suficientes para que abran as súas mentes e entendan as cousas máis alá do marcado. Do estipulado segundo o manual. Moitas veces a programación fai que a xuventude acabe odiando o coñecemento.

Cal sería para vostede o principal motivo para visitar a súa mostra.

Para comezar, dinme que está gustando moito.  E iso é boa sinal. Son obras que a xente pode percibir, saber o que ve. 

Como vai vivir vostede o Entroido?

Este ano seguirei buscando entroidos tradicionais. É posible que visite tamén o norte de Portugal. Ao estar metido neste mundo un nunca acaba de descubrir todo o que hai. 

Te puede interesar