EN CONFIANZA

Xulio Rodríguez, guardián de la antigüedad

img_0111
Nome: Xulio Rodríguez González
Lugar e data de nacemento: Ourense
Profesión: Arqueólogo. Director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Xulio Rodríguez é director do Museo Arqueolóxico dende o 2010. Dez anos dende que asumiu esta responsabilidade sendo consciente dos retos que tiña por diante. Un deles, o máis arelado, a apertura do edificio do antigo Pazo Episcopal para volver acoller os fondos do Arqueolóxico que mostren as diferentes etapas da historia de Ourense. Neste 2020, centenario da Xeración Nós, prepáranse para a publicación de dous libros que amosan o compromiso de ditos intelectuais coa arqueolóxía. Pero antes, neste parón obrigado e necesario por mor do COVID-19, na súa páxina we e Facebook (Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense @musarqourense) presentan pezas do día e vídeos das últimas exposicións.

É vostede director do Museo Arqueolóxico Provincial dende 2010, aínda que vencellado ao mesmo dende 1982, cóntenos, cales foron os principais proxectos que buscou levar a cabo?
Unha vez asumida a dirección, o maior reto ao que nos enfrontamos foi o de tentar por en marcha as obras do Museo no edificio do antigo Pazo Episcopal, ao tempo que redoblar esforzos para manter a actividade dunha institución destas características, dando visibilidade a un Museo que ten mermada a súa faciana expositiva ao ter pechado o seu edificio na Praza Maior, pero que segue vivo a pesares de todo, que non é pouco. O inicio das obras fai uns meses, supuxo unha grande satisfacción e o recoñecemento ao traballo realizado polas diferentes institucións, empezando polo propio equipo do Museo.

É un espazo pechado dende o 2002, tal como vostede di, e hai xeracións que non saben do edificio, que opina desto? E, a nivel persoal, que sinte?
Sen lugar a dúbidas é un sentimento de tristeza, de impotencia e de gran responsabilidade, que nos obriga a desenvolver diferentes actividades para, de algunha forma, tentar mitigar esa situación.
A Sala “Escolma de Escultura” no complexo de San Francisco representa unha pequena fiestra aberta á sociedade, na que se expón unha mostra das interesantes coleccións que forman os fondos do Museo, como é o da escultura. Nesta Sala ten lugar tamén, a exposición e presentación pública da “Peza do Mes” (mércores ás 20,00 horas, cando poidamos volver abrir ao público).

E vostede lembra a súa primeira visita ao Museo Arqueolóxico?
Recordo perfectamente a primeira vez, sendo un neno, en que o visitei en compañía do gran amigo Bieito Pérez Outeiriño, ata fai pouco Director do Museo das Peregrinacións de Santiago, e quedar impactado cos cadros procedentes dos conventos e mosteiros desamortizados que formaron parte do Antigo Museo Pinturas e que se expuñan na sala monacal.

Cóntenos, cando este espazo reabra as súas portas, que se vai atopar o visitante?
Vaise atopar, en primeiro lugar, cun gran espazo de acollida formado polo actual zaguán que abre as súas portas á rúa Bispo Carrascosa, e cunhas modernas instalacións que o mesmo tempo que dan resposta ás necesidade espaciais que hoxe requiren ás institucións museísticas, facilitan un diálogo entre o pasado e o presente, non só polas propias coleccións, senon tamén pola restauración do edificio, no que se interven minimamente para favorecer dito discurso.

Cal é o plan expositivo?
Un plan expositivo ten por cometido principal o de definir os obxetivos futuros do Museo, e traducilos nunha política expositiva intencionada. Ante todo tratamos de realizar un programa expositivo que, a partir dos obxectos arqueolóxicos e da cultura material, emocione ao visitante, pois é a partir destes artefactos, cos que os arqueólogos tecemos as construccións científicas sobre a cultura. A partir desta primeira impresión, resulta máis doado afondar no coñecemento dos diferentes aspectos da cultura que pretendemos expoñer.
O programa expositivo do Museo mostrará as diferentes etapas culturais da provincia de Ourense dende o Paleolítico ata a Baixa Idade Media, utilizando os recursos disponibles, desde as pezas arqueolóxicas aos restos descubertos no propio edificio do Museo, unha vez realizadas as escavacións arqueolóxicas, singularizando o inmoble e os elementos arquitectónicos que o configuran a traveso da súa historia constructiva.

Hai algunha mostra que recorde con especial cariño?
Polo seu contido e variedade tipolóxica as exposicións programadas ata de agora amosaron diversas propuestas temáticas. De todas teño gratos recordos e momentos de tensión, como non, pero sí me gustaría recordar a última que realizamos “Santomé. Conxunto arqueolóxico-natural”, por tratarse dunha exposición produto dun proxecto de longo alcance e percorrido, como é a excavación, conservación e posta en valor deste importante xacemento de Santomé, ao que levo vencellado desde 1983 como director.

"A mostra sobre o conxunto de Santomé supuxo un punto de inflexión a nivel persoal e polo propio proxecto"


Esta exposición representa un punto de inflexión, tanto no persoal, como no propio proxecto, pois dempois de tantos anos de estudo e dedicación preséntanse á comunidade os resultados desa investigación nun formato comprensible para o gran público, más aló das moitas publicacións científicas coas que conta o xacemento.

Cal é o perfil habitual do visitante ás mostras? Traballan en algún eido para atraer outros perfis?
Unha exposición temporal é unha canle de comunicación complexa, de moitas vías, tantas coma as dos seus potenciais usuarios. En certo modo, estas mostras permiten percibir a vitalidade da institución e o éxito de público é sen dúbida un bo indicador, ainda que tamén poden terse en conta outros factores, como a súa satisfacción. Neste sentido contamos cun público fiel que soe acudir a todas as mostras, ao tempo que outros colectivos, de diversos niveis educativos, dende colexios a estudantes universitarios, que participan por medio dun programo didáctico de visitas guiadas, realizadas en colaboración coa Afundación, quen tamén cédenos a súa sala de exposicións na Praza Maior.

Neste 2020, 100 aniversario da Xeración Nós, como se preparan dende o Museo?
O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense non podía deixar pasar esta efeméride do Centenario da Xeración Nós sen por en valor o importante legado que deixou este grupo, e a valoración da súa importancia no contexto xeral do traballo realizado noutros puntos da xeografía. E o fai dende a súa faciana máis representativa: a Arqueoloxía, coa publicación de dous libros: "Epistolario. Cuevillas e os seus contemporáneos", e "A arqueoloxía do Noroeste Penínsular na época de Nós". O primeiro inclúe a transcrición e estudo das cartas de Cuevillas, que poidemos recabar tanto en arquivos familiares como en diferentes institucións vencelladas a persoeiros que tiveron relación con Cuevillas por diferentes motivos, sobre todo do ámbito científico. Un libro que abre novas perspectivas sobre diferentes aspectos e institucións da época.

O outro, "A arqueoloxía do Noroeste Penínsular na época de Nós", é un libro de estudo crítico do traballo realizado por este grupo no ámbito da Arqueoloxía, realizado por especialistas en cada campo, que analizan as diferentes etapas culturais. Inclúe tamén a labor realizada en cada unha das provincias galegas e no Norte de Portugal.

Neste momento de parón por mor do COVID-19, están a traballar en algún aspecto en concreto?
Sen lugar a dúbidas, neste momento, por medio das redes sociais e baixo o hashtag da Consellería de Cultura e Turismo //aculturasegue//, pretendemos axudar a paliar na medida do posible esta situación, actuando como unha fiestra ó servizo da sociedade, mostrando o compromiso con noso patrimonio.

Na páxina web e no Facebook do Museo colgamos todos os días videos das últimas exposicións e a “Peza do Día”, onde seleccionamos pezas do mes que presenten determinadas características, ou fagan referencia a alguna conmemoración dese día.

Como se imaxina o futuro do Museo Arqueolóxico? 
Pois cun gran futuro, grazas a forte base na que se sustenta, e de tantos proxectos e actividades levados a cabo o longo dos anos, ademáis de poder contar cunha adecuada e atractiva Museografía que terá en conta a extraordinaria singularidade do inmoble no que ten a súa sede e os elementos que configuran a súa identidade.

Agora ben, é necesario seguir traballando a reo para manter un alto nivel de esixencia, sendo preciso contar con programas propios de investigación e con persoal suficiente con formación, vocación e capacidade para levalos a cabo. Non se pode confundir un museo cun centro de interpretación, cunha sala de exposicións, nin cunha colección visitable, por ter funcións específicas e propias que non pódense descuidar.

EN IMÁGENES

OURENSE 20/11/2019.- Expo de Santomé en Afundación. Bea Anguiano, Xulio Rodríguez, Román Rodríguez, Jorge Pumar. José Paz

Na inauguración da mostra "Santomé. Conxunto arqueolóxico-natural", acompañado de Bea Anguiano, Román Rodríguez, Jorge Pumar e Marisol Díaz Mouteira. 

OURENSE 12/02/2020.- Presentación libro Juan Carlos Rivas en San Francisco, Los Cellarium. Francisco Fariña Busto, Juan Carlos Rivas, Xulio Rodríguez. José Paz

Na presentación do libro "Los cellarium y apotheca medievales monacales. Un excepcional patrimonio arquitectónico gallego olvidado", de Juan Carlos Rivas Fernández, acompñado do autor e Francisco Fariña (á esquerda). O último acto antes do confinamento por mor do COVID-19.



COA VENIA

1. Un libro na cabeceira da súa cama.
- Entre outros, as "Memorias de Adriano", de Marguerite Yourcenar.
2. Un disco que soe na súa casa.
- "Songs", de Leonard Cohen.
3. Un edificio que lle guste especialmente.
- Teatro grego de Taormina (Sicilia)
4. O primeiro que pensa ao erguerse.
- Ordear os pensamentos para afrontar o día con positividade.
5. Un recordo da súa infancia.
- A xeografía vital da miña infancia, a paisaxe de San Pedro da Mezquita.
6.  Unha viaxe pendente.
- Nueva York, de novo.
7. Daríalle un recoñecemento con urxencia a...
- O persoal sanitario que nos atende, e a todos os que fan posible que a sociedade siga funcionando.
8. O mundo necesita...
- Sentido común, “sentidiño”.
9. Unha virtude.
- A prudencia.
10. Unha manía.
- As cousas ben feitas.
11. Unha "Peza do mes" para vostede.
- A propia actividade: a “Peza do Mes” do Museo Arqueolóxico de Ourense.
12. Perde a calma con... 
- A falla de compromiso.
13. Recobra a calma con...
- Un bo viño en compañía.
14. Un soño.
- Despertar deste mal soño.

Te puede interesar