cole a cole

Alto grao de inserción laboral nos ciclos de electricidade

No centro, o alumnado combina as clases teóricas con prácticas das diferentes materias de cada ciclo.
photo_camera No centro, o alumnado combina as clases teóricas con prácticas das diferentes materias de cada ciclo.

O IES Xermán Ancochea Quevedo conta con importantes convenios de prácticas coas empresas da contorna e xa poden afirmar que entre os 6 e os 12 meses de rematar os estudos, o seu alumnado atopa traballo

Todo un referente en formación na rama da electricidade. Así se coñece o IES Xermán Ancochea Quevedo, un centro educativo ubicado en A Pobra de Trives que conta cunha longa traxectoria formativa neste ámbito do coñecemento. A especialización na rama da electricidade foi xa nos anos 50 e 60 debido á gran demanda laboral que existía neste ámbito xa que foi nestes anos cando a empresa Saltos de Sil levou a cabo a construción de numerosos embalses, convertendo a esta comarca en todo un referente na enerxía hidráulica a nivel nacional. Neses anos de apoxeo o que se precisaba na comarca era capital humano e profesionais formados para atender ás necesidades de aquel entón, isto é, poñer en marcha as centrais. Froito desta necesidade xa nos anos 50 creouse unha escola especializada para formar futuros traballadores en Montefurado. Máis adiante, no ano 1998 unificáronse o Instituto de Formación Profesional e o antigo instituto, conformando o que na actualidade se coñece como o IES Xermán Ancochea Quevedo.

A oferta educativa deste centro educativo é por unha banda a propia dun instituto, isto é Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato, pero ademais e marcando a diferenza, é  un centro especializado na rama de electricidade. 

No tocante á ESO contan con seccións bilingües co fin de reforzar a aprendizaxe do inglés e atender ás demandas actuais no referente aos idiomas. Por outra banda, en Bacharelato ofertan as modalidades de Ciencias e Humanidades, co fin de que cada mozo e moza da comarca se poida preparar de cara a unha formación universitaria sen saír da comarca ata comezar a carreira.

No tocante aos ciclos formativos, no IES Xermán Ancochea Quevedo se imparte a Formación Profesional Básica de Electrónica e Electricidade, o Ciclo Medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas e o Ciclo Superior de Sistemas Electrotécnicos e Automatizados. No referente a este último ciclo de grao superior, o centro educativo de Trives é, xunto ao 12 de Octubre de Ourense, os únicos en impartilo en toda a provincia. 

O alto grao de inserción laboral é salientable nos ciclos formativos que se imparten en Trives. Tanto é así que desde o instituto afirman que entre os 6 e os 12 meses desde que finalizan os estudos, os profesionais da rama de electricidade atopan traballo. 

Outro dos aspectos salientables son os numerosos convenios de prácticas cos que conta o IES Xermán Ancochea Quevedo con empresas da contorna, chegando a preto de trinta cada curso. Deste xeito, o alumnado está en contacto co mundo laboral desde o seu período de formación, un aspecto moi positivo á hora de formarse, de poñer en práctica os seus coñecementos e de atopar emprego ao rematar os seus estudos, un aspecto realmente importante e a ter en conta á hora de pensar nuns estudos con garantías e futuro.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar