XORNAL ESCOLAR

Aulas con nome propio

No CPR Plurilingüe Luis Vives, profesorado e alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria traballan nun interesante proxecto co que se pretende fomentar a igualdade, o recoñecemento e a importancia das mulleres ao longo da historia

Grupo de alumnos do CPR Luis Vives.
Grupo de alumnos do CPR Luis Vives.
Aulas con nome propio

Preséntase como unha cooperativa de ensinanza concertada, laica, plurilingüe e con xornada mixta. De feito o Luis Vives é o único centro da cidade de Ourense que conta con este tipo de xornada para o apoio da conciliación familiar e laboral.

Unha educación personalizada, un plan de estudos baseado na formación plurilingüe e unha especial atención ás intelixencias múltiples converten a este centro de ensino no espazo perfecto para formar persoas comprometidas consigo mesmas e coa sociedade.


Proxectos


Son numerosos os proxectos que se levan a cabo neste colexio ourensán ao longo de todo o curso e en todas as etapas educativas. Este ano e dun xeito especial destaca a iniciativa “Aulas con Nome Propio”. Cada aula do centro ten un nome dunha persoeira galega de relevancia en diversos ámbitos (cantantes, actrices, escritoras, etcétera). Deste xeito modificaron a tradicional numeración das aulas (1º, 2º, 3º...) por nomes como Mabel Rivera, Chus Lago, Cristina Pato, Pura e Dora Vázquez, Luz Casal, Maruja Mallo ou Menchu Lamas, entre outras.

Así, e partindo destes nomes, cada aula/grupo procura información, crea actividades para aprender xogando e dar a coñecer esa persoeira á comunidade educativa.

Tamén se procura, na medida do posible, facer partícipe a persoeira en cuestión destas actividades e así, recentemente recibiron no centro a visita de Mabel Rivera, quen achegou as súas ensinanzas directamente ao alumnado. 

Neste interesante proxecto participa todo o alumnado e profesorado de Infantil, Primaria e Secundaria desde inicio de curso e pretende fomentar a igualdade, o recoñecemento e a importancia das mulleres ao longo da historia. Trátase así dunha actividade perfecta para traballar de forma colaborativa seguindo o espírito do centro. 

Outros dos programas destacados deste curso son Proxecto Elisa, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela; un estudo de habilidades cognitivas e instrumentais, en colaboración coa Universidade de Vigo; ou un programa de inmersión lingüística no verán en Inglaterra ou Irlanda coa convivencia de familias e cun profesor acompañante.


Biblioteca e tecnoloxía


No CPR Luis Vives destaca tamén o plan de mellora da biblioteca inmersa na rede de bibliotecas escolares de Galicia e as actividades que proporciona ao centro: clubs de lectura para alumnado e familias, lectura no tempo de lecer con contacontos e outras actividades.

A promoción e uso das novas tecnoloxías como unha ferramenta para a realización de diferentes actividades é outro dos puntos fortes deste centro de ensino.


Extraescolares


No tocante ás actividades extraescolares, lévanse a cabo xunto con Mouxión e ofrecen á comunidade unha ampla variedade de propostas. Trátase de actividades para reforzar calquera que sexa a habilidade que se queira gozar e mellorar, adaptadas ás diferentes idades. Así contan con ximnasia rítmica, pintura, xadrez, fútbol, kung fú, patinaxe, robótica ou pilotaxe de drons, entre outras, que tamén teñen continuidade co campamento de verán.