XORNAL ESCOLAR

Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía

20190531124941609_result
photo_camera Alumnos del IES Blanco Amor con un microscopio.

No IES Eduardo Blanco Amor están inmersos en dous destacados programas, o Pluribach, co que se imparten varias materias en inglés; e o Stembach que busca achegar o mundo científico dun xeito ameno

O IES Eduardo Blanco Amor é un dos centros de ensino medio público máis antigos da cidade de Ourense. Hai dous anos celebrou o seu cincuentenario e, polo tanto, moito profesorado e aínda máis alumnado, pasaron polas súas aulas. Para o populoso barrio de A Ponte constitúe todo un referente, xa desde os tempos en que era coñecido como o instituto “masculino”. 

A súa oferta educativa é moi variada. Ten a educación regrada da ESO, así como tres tipos de Bacharelato:  Ciencias, Humanidades e Ciencias Sociais. Tamén desde hai varias décadas ofrece a liña de Bacharelato para Adultos que, con clases pola tarde, resulta unha boa opción para aquelas persoas que están traballando ou que cursan altos estudos deportivos ou musicais. No tramo de idade dos dezaoito a vinte e cinco anos, especialmente, moitos alumnos con carencias anteriores acadaron unha maior titulación académica.

Para este centro é fundamental a conxunción da transmisión de valores xunto coa adaptación profesional. Para o alumnado con dificultades de aprendizaxe, contan co programa PMAR, implementado na organización da ESO e, fóra do horario estritamente lectivo, co programa PROA. A atención personalizada, coa axuda inestimable do Departamento de Orientación, dá os seus froitos.


PLURIBACH e STEMBACH


Como novidades salientables do centro educativo que poden resultar de interese para o potencial alumnado do centro, compre falar do Pluribach e do Stembach. O Pluribach, isto é Centro Plurilingüe Acreditado en Bacharelato, consiste nun programa de estudos no que ten que impartirse como mínimo algunha materia regrada en inglés nos dous cursos de ensinanza media, así como tamén nesa lingua outra materia extracurricular. O IES Eduardo Blanco Amor é o centro ourensán público pioneiro nesta oferta educativa. Neste curso completamos a primeira promoción, que tivo como materias non regradas Cinefórum en 1º de bacharelato, e Habilidades Sociais en 2º. Ambas propostas deron bastante xogo pola súa invitación ao debate, para que o alumnado participase oralmente de forma moi activa. Contaron non só con profesorado propio, competente para a utilización vehicular do idioma inglés (nivel mínimo C1), senón tamén cun lector nativo que proporcionou a Consellería de Educación todo o ano. Os resultados están a ser  moi satisfactorios. Para os alumnos resulta gratificante poñer en práctica os seus coñecementos, e por iso as estadías en Londres durante varios días xa se están convertendo en costume.

Novidade deste ano foi o Stembach, Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía. Tamén teñen o orgullo de acollerse a esta iniciativa escolar en canto saíu. Procuran así achegar o mundo científico de maneira que non cause arrepío; en fin, “que non meta medo”. Procuran a paridade de sexos, con vista a paliar o déficit feminino nestas carreiras científicas. Así mesmo, resulta interesante para adaptarse á futura vida universitaria, pois os alumnos teñen que defender un traballo científico ante un tribunal composto por profesorado do ensino medio e tamén da universidade. Afortunadamente, contan con profesorado no centro que ten unha boa conexión co docente universitario (por programas de doutoramento, docencia de asociado…), e iso facilita e fai incluso cómoda a interconexión. Neste caso non hai que ir ao estranxeiro, pero os alumnos teñen xornadas de convivencia en Santiago, onde non falta incluso a presenza dalgún premio Nobel.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar
xornalescolar_0304_otitis_01
Escola de Familias

¿Qué es la otitis?

xornalescolar_0304_nuria_01
De que se fala

Solo lo que suma