CEIP VICENTE RISCO DE CUALEDRO

Un colexio alegre e cheo de colorido

O CEIP Vicente Risco de Cualedro presenta unha nova imaxe tras unha serie de obras de mellora co fin de reflectir exteriormente a ledicia, vitalidade e traballo que se agocha tras as paredes deste centro

Os escolares do CEIP Vicente Risco de Cualedro recibiron recentemente a visita das cámaras de Telemiño. A expectación foi máxima e tanto alumnado como profesorado amosáronse encantados de presentar o seu renovado centro.

Este colexio ofrece este curso unha nova imaxe tras unha serie de melloras co fin de axeitalo aos tempos e que non se quede obsoleto. Coa colaboración do Concello de Cualedro e o esforzo de toda a comunidade educativa o CEIP Vicente Risco de Cualedro está fermoso e novo. Déronlle así un estilo máis actual e alegre, tanto por fóra como por dentro, querendo así reflectir exteriormente a ledicia, vitalidade e traballo que se agocha tras as paredes deste colexio do rural. Para esto pintouse a fachada, o comedor e os corredoiros, construíuse un parque infantil e un areeiro no patio, debuxaron diversos xogos tradicionais no patio cuberto, renovouse a biblioteca, etcétera.

Os propios estudantes foron os encargados de exercer de reporteiros e presentar as instalacións o día da visita de Telemiño e presumiron así de contar cun centro de ensino do máis fermoso e actual. Trátase dun colexio de grandes dimensións, xa que hai décadas contou cun gran número de alumnado. Na actualidade só está habilitada a primeira planta e dúas aulas do piso superior para a área de relixión e outra para música. Contan con 44 alumnos e alumnas repartidos nas modalidades educativas de Infantil e Primaria.

ENSINAR, EDUCAR E FORMAR
Ademais do aspecto renovado que ofrece o CEIP de Cualedro, destaca tamén por ser un colexio no que prima a educación de calidade,  a educación bilingüe e a escola 2.0. entre outros factores. O obxectivo fundamental é ofrecer unha educación de calidade, coa que buscan o progreso de todos os escolares a partir das circunstancias persoais. Aportan por unha educación integral e personalizada tendo como meta clara ensinar, educar e formar. 

Para esto potencian e desenvolven ao máximo as cualidades e capacidades personais de cada alumno/a, e os dotan das competencias clave, destrezas, hábitos e actitudes que os capaciten para a vida adulta.
Atenden en todo momento a diversidade tendo en conta as características e motivacións do alumnado, así como aos seus intereses e motivacións. Contan ademáis ca aula de reforzo, (PT - AL ) para aqueles discentes que precisen dunha axuda para acadar unha educación de calidade.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar