Convivencia europea no Guillelme Brown: recibiu a 52 alumnos e 10 profesores de toda Europa

O centro escolar ourensán acolleu durante unha semana a estudantes europeos dentro dos seus dous proxectos Erasmus

"European youth, your voice will be heard” para os alumnos de segundo de ESO e  “Together for a sustainable Europe”, para os de terceiro, son os títulos dos dous proxectos que o colegio Guillelme Brown desenvolveu durante a pasada semana dentro do seu programa de Erasmus. Para levalos a cabo recibiron a alumnos de Polonia, Lituania, Alemania (Stuttgart e Rust) e Croacia, que foron acollidos por familias do centro. 

Todos os participantes seguiron un programa de actividades moi variado, que tamén serviu para fomentar a convivencia entre todos eles. Un obradoiro de baile galego, visitas a Ourense, Santiago ou Vigo, ou costumes coma o tradicional baño en Outariz, complementáronse cos traballos desenvolvidos en grupos cooperativos internacionais co tema principal de Europa e a mellora da sostenibilidade dende as escolas ata cada país europeo.

En total, 52 alumnos e 10 profesores de toda Europa descubriron Ourense da man da comunidade educativa do Guillelme Brown, que durante o que resta de curso tamén visitará cada un dos países participantes. A primeira parada será Lituania durante o mes de outubro. 

Mentres, aínda conservan as lembranzas de todo o que aprenderon, traballaron e, sobre todo, se divertiron durante estas primeiras xornadas de convivencia europea.

Te puede interesar