aulas abertas

Tres, dous, un... gravando aos nenos de Cenlle!

Escolares de Cenlle en Telemiño (ÓSCAR PINAL).
photo_camera Escolares del CEIP Carmen García Carrasco (ÓSCAR PINAL).
escolares do ceip carmen garcía carrasco visitaron as instalacións de La Región e foron protagonistas no plató de Telemiño, onde exerceron de auténticos profesionais dos medios

Sabían que se trataría dun día diferente, fóra do centro educativo, pero non tiñan moi claro o que ían atopar. Ningún dos nenos e nenas do CEIP Carmen García Carrasco visitara con anterioridade un plató de televisión polo que a ilusión por esta actividade era aínda maior. 

Días antes desta visita a Telemiño y La Región, os escolares de Cenlle recibiron no seu colexio a Conchi Pérez e ao seu equipo do Xornal Escolar, que acudiron ao centro educativo para coñecer de primeira man as actividades que realizaron ao longo do curso e o que estaban a facer nese intre. Tras esta actividade, aos nenos e nenas de Cenlle tocáballes devolver a visita.

Chegaron ao Polígono de San Cibrao en autobús. Alí os recibiu Conchi Pérez para comezar o percorrido pola redacción de La Región e continuar coa actividade en Telemiño, onde xa sabían que terían un papel moi activo.

Na redacción do xornal coñeceron o traballo diario dos xornalistas e do departamento comercial.

A continuación foron a Telemiño onde primeiro se lles mostrou o plató, a zona de realización e se lles explicou como se preparan os distintos programas que emite diariamente esta televisión local de referencia en Ourense.

Chegaba o momento de poñerse mans a obra e tomar un papel máis activo. Moitos dos escolares xa sabían cal era o seu cometido durante a gravación, pero antes terían que prepararse para saír guapos e perfectos ante as cámaras polo que de un en un foron pasando polo departamento de maquillaxe onde a maquilladora de Telemiño se encargou de deixalos perfectos.

Adolfo, como moderador, Iván, Antía e Yanira foron os encargados de realizar un programa de En Portada e comentar as novas máis salientables publicadas en La Región e algunhas salientables do seu colexio, como foi a remodelación que terá lugar na biblioteca. Foi unha experiencia estupenda e xa ao rematar de gravar estaban desexando verse na televisión.

A continuación e en grupos de dous, presentaron os informativos que xa traían preparados do colexio. Durante as novas presentaron os proxectos nos que están inmersos no centro. Primeiro falaron de "Hábitos de vida saudable" e da alimentación equilibrada e a práctica deportiva como eixos centrais deste proxecto.

Tamén deron conta nos informativos das actividades deportivas nas que participan cada curso e falaron das xornadas de convivencia con outros centros educativos da contorna que tanto lles gusta e nas que o pasan tan ben con nenos e nenas da súa mesma idade.

O horto escolar do colexio de Cenlle tamén se deu a coñecer en Telemiño e aproveitaron para dar conta de todos os produtos que plantaron este curso e que xa están listos para comer no comedor escolar.

Os encargados de presentar os informativos foron primeiro Jeny e Uxía, despois Nerea e Samuel, e finalmente, Alexandre e Daniel.

Ademais dos presentadores de En Portada e dos informativos, o resto dos escolares tamén tiveron un papel moi activo nesta actividade xa que Marina exerceu de realizadora, esto é unha das figuras máis importante nun plató de televisión xa que é a responsable directa do  que acontece na emisión. Os cámaras son outras das persoas fundamentais en televisión e nesta ocasión foi Daniel o encargado de exercer de cámara e gravar aos seus compañeiros.

Ao remate do programa os nenos e nenas de Cenlle estaban encantados coa súa participación nun programa de televisión e xa estaban desexando repetir esta experiencia. Antes de regresar ao seu centro de ensino, os escolares recibiron un periódico do día e unha serie de obsequios para que recorden con cariño este día en Telemiño y La Región.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar