La Región

XORNAL ESCOLAR

Educación en valores e personalizada

Na EEI Santa Cruz traballan cada curso contidos relacionados coa educación para a paz, a saúde, a conservación e o coidado do medio ambiente, a igualdade entre sexos e o consumo responsable

Escolares da EEI Santa Cruz.
Escolares da EEI Santa Cruz.
Educación en valores e personalizada

Nun lado do Polígono de San Cibrao das Viñas, rodeada de natureza e un fermoso arboredo, está ubicada a Escola de Educación Infantil Santa Cruz, onde se imparte o segundo ciclo de Educación Infantil. Neste marco, con algunha que outra vivenda próxima, a tranquilidade é total e isto permite que o ambiente sexa o máis axeitado para a formación do alumnado e levar a cabo numerosas actividades ao aire libre.

A EEI Santa Cruz conta con dúas aulas diferenciadas e un recinto pechado. Nunha das aulas é onde se imparte a clase diaria e a outra está destinada especialmente para levar a cabo xogos, actividades de psicomotricidade e todo tipo de propostas lúdicas. De feito cando chove é o espazo de recreo que utilizan para que os cativos e cativas gocen dos seus momentos de descanso e esparcemento. 

Unha dos aspectos que fai tan especial esta escola e que os pais e nais teñen moi en conta á hora de pensar na formación dos seus fillos e fillas é a estreita relación e o contacto diario de todos os que conforman a comunidade educativa. Calquera incidencia ou dificultade que as profesoras atopan no proceso de aprendizaxe pódese solventar de inmediato gracias á comunicación constante que hai entre profesorado e familias. Ademais da colaboración de toda a comunidade escolar, destaca a implicación do Concello de San Cibrao de Viñas na escola. Neste aspecto destaca este curso a atención temperá desde as 7.30 horas para facilitar a conciliación familiar.

Ademais da atención personalizada, outra das máximas da EEI Santa Cruz é a educación en valores. Na escola traballan durante todo o curso contidos relacionados coa educación para a paz, a saúde, a conservación e coidado do medio ambiente, o consumo responsable e a educación en igualdade entre sexos.


Proxecto


O proxecto destacado este curso, que se suma a moitos outros que realizan cada ano, é as abellas como insecto fundamental para a conservación do medio ambiente. Como se trata dunha escola unitaria, no proxecto das abellas participan todos os alumnos e alumnas do centro, todos dun xeito moi activo. Levan a cabo diferentes investigacións axeitadas a idade do alumnado e a atención á diversidade.  

Durante dúas semanas adicaron unha sesión diaria a falar, investigar, realizar actividades recurrindo á PDI e ao papel e así obter a información necesaria para coñecer un mundo tan apaixonante como é o das abellas. Tamén realizaron unha divertida manualidade para coñecer mellor ás abellas e contaron coa visita dunha apicultora que entusiasmou aos nenos vestida con traxe propio desta disciplina. Durante esta visita tan interesante probaron mel procedente de distintas colmeas e lugares.

Para rematar o proxecto, neste último Entroido disfrazáronse de abellas e convidaron, como é habitual, á súa festa, aos nenos e nenas das EEI de Taboadela e Noalla. Os escolares destas tres escolas comparten ao longo de cada curso numerosas actividades.