DE QUE SE FALA

Educación viaria dentro e fóra da aula

viaria1_result
photo_camera Escolares do Cardenal Cisneros realizando unha actividade na rúa sobre educación viaria.

"Só se aprende o que emociona, só se ensina o que seduce” (Juanjo Vergara)

Os profesores de Cisneros queremos xerar un cambio de comportamento no alumnado para que, tendo unha participación activa en proxectos de sensibilización e concienciación, sexan capaces de transmitir os seus coñecementos ao seu entorno. Para concienciar é moito máis eficaz experimentar que escoitar.

A curiosidade, é un instinto natural que nos abre as portas do mundo; é un aspecto emocional que xera exploración, investigación e aprendizaxe. De aí que o ensino baseado no desenvolvemento de proxectos se integre no centro en diferentes ámbitos.

Neste caso, ímonos centrar na Seguridade Viaria que é o eixo central de “Ourense Educa e Involucra”, un proxecto socio educativo que naceu no ano 2016 como consecuencia da estreita colaboración que se iniciou entre profesores do centro e Beni Bouzada, representante de Stop Accidentes en Ourense. Co obxectivo de educar, concienciar e sensibilizar á cidadanía en xeral e ao noso alumnado en particular neste tema porque os pequenos peóns de hoxe sensibilizados, serán os condutores concienciados do mañá.

Profesores motivados de Cisneros deixámonos “seducir” por Beni, mellor dito, engaiolounos, e así xa atraídos pola idea, poderiamos emocionar ao noso alumnado convencidos de que o traballo levaríanos a bo porto. Así foi, e continúa medrando día a día.

No centro impártense charlas informativas seguidas de obradoiros prácticos nos que os máis novos adquiren coñecementos; están avalados pola Dirección Xeral de Tráfico e, despois deles, e xa situados, veñen as actividades máis interesantes e creativas que son as que realizamos a pé de rúa co alumnado de distintas idades, nacionalidades, culturas e diversidade funcional,  aos que se lle asignan responsabilidades (que eles mesmos collen voluntariamente). Salientamos catro entre as realizadas ao longo do curso:


Semana da mobilidade


Semana Europea da Mobilidade na que se tratou de sensibilizar aos cidadáns en canto ao uso do transporte público, da bicicleta e do camiño a pé, ademais de  animar ás cidades a que promoveran estes modos de transporte e a que investisen nas novas infraestruturas necesarias para isto. Na rúa, sumámonos  ás actividades promovidas desde o Concello con outros centros, engadindo pola nosa conta un roteiro pedindo unha cidade a 30 km/h, máis peonil, e unha exposición no Trampitán cos seus traballos sobre “Deseña a túa cidade” que nos levaron a gozar do momento.


Redución CO2


Día Mundial pola redución das emisións de CO2 no que saíron á rúa coas súas máscaras para visibilizar a contaminación das cidades debido aos problemas provocados, entre outros,  polos vehículos mostrando como alternativa o uso da bici e o camiño a pé. Aportaron a súa pílula saudable para axudar a curar a Terra.

A súa implicación no bo uso do transporte que eles teñen ao seu alcance, levounos a escribir e cantar o “Rap da Bici” no que falan do seu bo uso e dos beneficios  ao empregala.


Apadriñamento viario


No que alumnos e alumnas de 6º de Primaria convertéronse en padriños e madriñas viarios de peques de Infantil despois dun acto protocolario de entrega de carnés acreditativos. Un pequeno taller serviu para unir a cada padriño ou madriña co seu afillado ou afillada na súa primeira actividade conxunta. Noutras ocasións,  saíron á rúa a ensinarlles  ao vivo conceptos de seguridade viaria relacionados co uso dos pasos peóns,  dos semáforos, etc. Cada actividade desenvolvida vai recollida no seu carné valorándose moi positivamente a súa implicación que inclúe facer propostas de novos traballos. Para eles é todo un reto converterse en guías dos seus afillados e afilladas porque saben que van ser o seu exemplo a seguir.


Colección mobilidade


Colección temática “Mobilidade Segura” coa idea de achegar os seus coñecementos sobre seguridade viaria non só ao seu entorno, senón ao maior número de persoas posible.  Xurde ao participar o centro neste curso académico no Plan Proxecta de Mobilidade Sostible e Segura da Xunta de Galicia e no Programa Stars Europa; decidiron facer algo distinto para a maioría, habitual para nós, que é usar como ferramenta educativa de aprendizaxe e de difusión os selos postais; algo moi arraigado no centro dende que o comezara D. Xaquín Lorenzo “Xocas” nos inicios de Cisneros.

Crearon unha colección temática co título “Mobilidade Segura” que participará no Campionato de España de Filatelia, Juvenia 2019, en Burgos. Despois exporase en Ourense. Para creala, tiveron que escoller o material preciso e acaído ao que contaban: selos, cuños, cartas relacionadas co tema; posteriormente clasificalas segundo os puntos que ían tratando; procurar a información, introducila no ordenador, seleccionar as frases a pór e maquetar todas e cada unha das follas empregando as TIC.

Así é como vemos o ensino da seguridade viaria: dentro e fóra das aulas como actividade de aprendizaxe e servizo á comunidade, interdisciplinar e inclusiva traballada desde distintas materias, combinando técnicas tradicionais e novas tecnoloxías nun ámbito interxeracional no que todos podemos medrar. 

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar
xornalescolar_0304_otitis_01
Escola de Familias

¿Qué es la otitis?

xornalescolar_0304_nuria_01
De que se fala

Solo lo que suma