Xornal Escolar

Experiencia única para repetir pronto

Xornal Escolar

O CONCURSO EN TELEMIÑO

Experiencia única para repetir pronto

Con ganas de máis, así se quedaron os alumnos e profesores de Baños de Molgas que participaron no programa Xornal Escolar en Telemiño, onde compartiron unha animada xornada fóra das aulas

Como unha actividade novidosa e con moitas ganas de repetir. Así definen a experiencias os alumnos e profesores do CEIP Baños de Molgas que visitaron o plató de Telemiño para participar por primeira vez no programa Xornal Escolar. Paula, Carla e Jorge exerceron de co-presentadores e axudaron a Conchi Pérez a dirixir un programa que resultou ser do máis divertido. María José Bayón foi a profesora convidada a participar no concurso, tivo que enfrentarse a unha serie de acertixos e responder ás preguntas dos seus alumnos, tanto con respecto ao colexio como á súa vida persoal, este tema do que tanto lles gusta saber sempre aos escolares.

Con alegría e moito humor comezou o programa ao que acudiron todos os nenos e nenas do colexio, a excepción de dous que ese día estaban enfermos e aos que non dubidaron en saudar e mandarlle moitos ánimos. 

O programa comezou presentando aos participantes para pasar pronto ao video de presentación do colexio. Foron os propios alumnos do CEIP Baños de Molgas os encargados de elaborar unha completa montaxe para presentar as principais aulas do centro, amosaron o que estaban a facer os nenos nas aulas e realizaron un completo percorrido por todas as instalacións, tanto as interiores como as exteriores, onde contan cun magnífico patio con areeiros e zonas deportivas.

Tras a presentación, comezou o agardado momento do concurso, a profesora de Música, María José Bayón tivo que adiviñar, tras unhas pistas formuladas por alumnos do colexio, obxectos, accións e personaxes. A concursante o fixo perfectamente e case non precisou axuda para respostar con éxito a cada pregunta.

Tras o bloque de adiviñanzas, comezou o turno de preguntas e María José respostou encantada a cada unha delas.

ROUND 1 - O NOSO COLE        

Que é o que máis lle gusta do noso colexio?

- Gústame todo. Gústanme os nenos e o sitio en xeral. Soamente lle cambiaría unha cousiña ao noso colexio, cambiaría a ubicación para que se puidera aproveitar moito máis o sol, pero de non ser esto non cambiaría nada porque para mín é un colexio perfecto.

ROUND 2 -  A PERSOA   

De non haber sido mestra, que che houbera gustado ser?

- A verdade é que moitas cousas. Unha normaliña era enfermeira e outra que seguro que non agardades era trapecista. Cando era nena leváronme a Benposta que quedei abraiada cunha trapecista.

Un paxariño nos dixo que lle gustaba moito viaxar, a onde lle gustaría ir?

- Encantaríame ir a Cuba. Gustaríame ir alí para ver as escueliñas que teñen que me dixeron que son moi fermosas. 

Frotando a bola máxica aparece un xenio e concede tres desexos, cales lle pediría?

- É difícil xa que querría moitas cousas, pero vou priorizar. O meu primeiro desexo sería poder ter a miña filla conmigo que está traballando fóra. Outro sería estar con algunha xente que xa non está conmigo e o terceiro, cun carácter máis lúdico, podería ser ter un avión para viaxar a Cuba e levar a todos os que quixeran vir. 

Tras formularlle a súa profesora unha serie de preguntas e compartir todos xuntos uns momentos do máis divertidos no plató de Telemiño, o programa case chegou ao final, non sen antes desfrutar do video de talentos que tanto lle gusta a todo o mundo e co que os centros de ensino aproveitan para compartir con todos as cousas que se fan nos colexios e os artistas cos que contan. No CEIP Baños de Molgas demostraron ter nenos e nenas con grandes dotes de presentadores xa que realizaron un traballo magnífico no Xornal Escolar, pero tamén contan con cativos con habilidades para contar chistes, bailar e realizar todo tipo de acrobacias. 
 

Comentarios