La Región

XORNAL ESCOLAR

Mozos e maiores falan da escola

Esta iniciativa enmárcase na liña estratéxica denominada o valor da experiencia, na que participaron en Ourense escolares do colexio Padre Feijoo Zorelle e voluntarios do Espazo +60 Afundación da cidade 

Mozos e maiores falan da escola

Cada vez son máis as propostas que se presentan nos centros educativos nas que os escolares participan en actividades lúdicas e educativas con persoas maiores. Este tipo de propostas son beneficiosas para ambas partes, para os nenos porque lles encanta compartir o seu tempo cos maiores, aprender da súa experiencia e dos seus coñecementos. Por outra banda están os maiores, que están xubilados pero se manteñen activos e con moitas ganas de compartir cos cativos o seu tempo e deixarse contaxiar pola vitalidade destes últimos.

Nesta ocasión a actividade interxeneracional chegou da man da Obra Social de Abanca, Afundación, que está a percorrer numerosos puntos de Galicia para compartir cos escolares o programa “Falamos de escola”. Hai uns días o programa chegou á súa fin no centro educativo ourensán Padre Feijoo-Zorelle. Escolares deste colexio compartiron coas persoas voluntarias do Espazo +60 Afundación da cidade unha fabulosa actividade na que se falou da escola de antes, de agora e do futuro. Os escolares comentáronlle ao maiores as súas máis salientables vivenzas ao longo da etapa escolar e reflexionaron todos xuntos sobre o papel que debe xogar a educación na actualidade. 

A iniciativa enmácase na liña estratéxica «O valor da experiencia», da Área de Envellecemento Activo de Afundación, que ten como obxectivo ampliar as oportunidades de participación e de contribución social das persoas maiores, aproveitando o seu talento e a súa experiencia vital e profesional, a través de programas interxeracionais e de voluntariado, que beneficien outros grupos da sociedade.

Durante máis de hora e media, nenos do Padre Feijoo Zorelle e maiores do Espazo+60 Afundación  gozaron dunha fantástica actividade que todos os participantes valoraron como moi positiva unha vez posto en común as súas opinións sobre a escola. Esta actividade deu así continuidade á proposta celebrada o pasado curso, tamén de Afundación, denominada "Fálame da Emigración" e o éxito de estas dúas iniciativa augura continuidade a estas propostas tan beneficiosas para todas as partes implicadas.