O galego renace

Agora que se cumpren 100 anos do falecemento de Manuel Murguía, é bo momento para lembrar o Rexurdimento. Aínda que el non foi un dos personaxes protagonistas deste movemento cultural que lle devolveu o seu esplendor á lingua galega, si que estivo nas trastendas de todo canto aconteceu. Como saberás, Murguía era o marido de Rosalía de Castro e ela si que foi un deses personaxes que cambiaron a historia da literatura galega dende a primeira fila.
Chámaselle Rexurdimento á recuperación literaria, social, cultural e política da identidade galega polas actuacións duns destacados autores na segunda metade do século XIX. Este fenómeno, eminentemente literario, permitiu recuperar o espírito e a identidade galega, permitindo a aparición dunha conciencia na que a lingua galega se reivindica como a propia de Galicia.
A publicación de “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro en 1863 marcou o inicio oficial do Rexurdimento, se ben non se consolidou ata unha década máis tarde, coa aparición do xornal “O Tío Marcos d’a Portela”, a creación da editorial “Biblioteca Gallega” ou a convocatoria de diferentes concursos literarios co galego como protagonista.
Eduardo Pondal. Autor do himno

Aínda que hai máis personalidades, son tres os escritores que se consideran como grandes protagonistas do Rexurdimento. Un deles é Eduardo Pondal. Nacido en Ponteceso (A Coruña) en 1835 e falecido na capital coruñesa en 1917. Un dos seus poemas máis famosos é “Os pinos”, que constitúe a letra do actual Himno Galego. É un dos grandes referentes do rexionalismo. Adicóuselle o Día das Letras Galegas en 1965.
Curros Enríquez. Xornalista

Outro dos personaxes é Manuel Curros Enríquez. Natural de Celanova (1851), o seu poemario máis famoso é “Aires d’a miña terra”, que inclúe o seu famoso poema “A virxe do Cristal”. Foi cronista político en varios xornais madrileños e sempre profesou un profundo anticlericalismo. Faleceu na Habana (Cuba) en 1908, onde era moi aclamado pola emigración galega e dende onde traballou arreo pola lingua, sendo impulsor da Real Academia Galega. Adicóuselle o Día das Letras Galegas en 1967.
Rosalía de Castro. Pioneira

Con ela naceu o Rexurdimento. Máis ben co seu libro “Cantares gallegos”, publicado en 1863 e que recolle unha escolma da súa poesía costumista na que trata temas de carácter sociopolítico. Rosalía está considerada a precursora da poesía cívica galega e foi a voz do pobo, dos seus costumes e contras as inxustizas da época. Estivo casada con Manuel Murguía e foi tamén a encargada de inaugurar o Día das Letras Galegas en 1963 (cando se cumprían 100 anos da publicación do seu libro máis famoso) e pronto celebraredes no colexio tamén o seu día, o 23 de febreiro.
Valentín Lamas Carvajal

Aínda que Rosalía, Curros e Pondal están considerados os tres precursores do Rexurdimento, houbo outros personaxes fundamentais para que este movemento cultural tivera éxito. Un deles foi o ourensán Valentín Lamas Carvajal, nacido en 1849 e finado en 1906. Ademais dun dos fundadores da Real Academia Galega en 1906, levou a cabo importantes iniciativas, especialmente no eido do xornalismo fundando o primeiro semanario en lingua galega “O Tío Marcos d’a Portela”. Un dos seus libros máis famosos é “Catecismo do labrego”, fai unha dura crítica da sociedade da época ó tempo que parodia o “Catecismo da doctrina cristiana”.
Outros autores que puxeron o seu gran de area no Rexurdimento foron Marcial Valladares (no xénero da prosa de ficción) ou Antonio López Ferreiro (considerado o pai da novela galega).