La Región

COLE A COLE

Promoción do galego oral

21 días co galego E+ busca que a xente nova adquira o hábito de falar nesta lingua e para elo en catro centros educativos de Galicia se exportou o programa no que participaron 95 docentes e 1.316 alumnos

Grabación del programa de Xornal Escolar en el IES Otero Pedrayo por motivo del programa 21 días co Galego.
Grabación del programa de Xornal Escolar en el IES Otero Pedrayo por motivo del programa 21 días co Galego.
Promoción do galego oral

Promovido pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o programa 21 días co galego e+ ren como finalidade promover o uso do galego oral entre a xente nova. Trátase dun programa de dinamización lingüística que tamén busca o perfeccionamento do galego e o uso dentro e fóra dos centros educativos. Ademais de todo iso, o programa educativo tamén pretende que os estudantes analicen a súa relación coas linguas que coñecen e máis concretamente co galego, para ver cal é o lugar que ocupa e pode chegar a ocupar nas súas vidas. 

A experiencia didáctica 21 días co galego botou a andar no ano 2013 no IES Pobra do Caramiñal, da man dunha das súas mestras, Pilar Ponte. Desde ese momento xa se desenvolveron cinco edicións máis e foi no ano 2015 cando este proxecto recibiu o premio de innovación en dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística. 

Este ano deuse un paso máis nesta experiencia e foi exportala a outros centros educativos. Púxose en marcha o programa 21 días co galego e+ en catro institutos de Galicia: O IES Pontepedriña de Santiago de Compostela, o IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, o IES Francisco Daviña Rey de Monforte e o ourensán  IES Otero Pedrayo. En total, participarán nesta edición 95 docentes e 1.316 alumnos e alumnas da ESO, bacharelato e FP, con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos. 


Firme compromiso


Durante os 21 días que durou o programa, os escolares comprometéronse a falar soamente en galego as 24 horas do día. Esta data prolongouse desde o 14 de xaneiro ata o 3 de febreiro de 2019, dentro e fóra do centro de ensino.  Se ben é certo que o alumnado foi o protagonista principal, por ser a súa galeguización como pola súa participación activa no programa, o profesorado tamén colaborou dunha forma directa, ao igual que se procurou implicar en cada centro educativo a persoal de administración e servizos, a ANPA e as propias familias, que na práctica resultaron determinantes para o éxito da actividade.

O sorporte central deste programa é o blog 21diascogalegoemais.gal, onde cada día aparecen novas entradas que lles indicaron durante este tempo aos escolares tarefas que tiñan que realizar e onde se poden ver as gravacións onde os mozos deixan as súas reflexións e experiencias.