Alumnos de 4 anos de Xinzo despediron o Entroido máis longo da península cunha festa por todo o alto
Escolares de Educación Infantil do CEIP Carlos Casares de Xinzo de Limia celebraron por todo o alto o ciclo do Entroido máis longo da península.
Fareleiro, Oleiro, Corredoiro, Entroido e Enterro da Sardiña foron as celebracións das que gozaron estes días os escolares xunto a nenos e nenas doutros cursos do colexio e tamén doutros centros de ensino da comarca.
Tras a festa de fariña, comadres e disfraces os nenos e nenas do Carlos Casares compartiron o seu particular e tradicional enterro da sardiña. De riguroso luto e entre un mar de bágoas queimaron a sardiña, que eles mesmos elaboraron, no patio do colexio. Con este acto despedía o Entroido 2018 e xa comezaron a contar os días para unha nova edición desta festa que tanto lle gusta aos nenos e nenas de Xinzo.