tecnoloxía

Os robots chegan ó colexio do Couto

Couto1_resultado
photo_camera Tanto o edificio da rúa Greco coma o da Rampa de Sas contan coa súa propia aula de Informática.

O CEIP desenvolve o curso con máis de 400 alumnos repartidos entre os dous edificios que compoñen o centro educativo da cidade

A robótica será o eixo central do proxecto integral que o CEIP O Couto desenvolve ó longo do curso actual. Serán os nenos de 5º e 6º de Primaria os encargados de desenvolvelo e difundilo durante os vindeiros meses entre os seus compañeiros para facelo extensible a toda a comunidade educativa. Polo de agora, os maiores do colexio xa comezaron a traballar con pezas de Lego para ir familiarizándose coa estructura e funcionamento dos robots. Trátase da principal novidade que o centro educativo da cidade presenta para este curso. 

Xunto a ela, salienta tamén a posta en marcha dos patios dinámicos, mediante os que se establece un reparto da área de recreo dedicando cada unha a unha modalidade de xogo diferente. Bolos, baloncesto ou fútbol son algunhas delas e divídese o seu uso por cursos para que todos teñan a oportunidade de aproveitar cada zona ó máximo, se ben o seu uso non é obrigado e os nenos poden facer uso da zona de xogos compartida con total liberdade. Dende a direcicón aseguran que a iniciativa está "funcionando moi ben".

Ademais, manteñen a ampla gama de servizos ofrecida en anteriores cursos para o 428 alumnos que cada día acoden ás aulas do CEIP O Couto nos seus dous edificios. Trátase dun colexio singular en canto a organización, pois os cursos de Educación Infantil e o primeiro ciclo de Primaria impártense tanto no edificio da rúa Greco como no situado na Rampa de Sas, único no que se imparten o segundo e terceiro ciclo de Primaria. A un ou outro acoden os alumnos nos seus primeiros anos por petición das familias, que escollen o centro da súa preferencia no caso de que existan vacantes. Aínda que a partir de 3º de Primaria, os nenos mestúranse nun só edificio, tanto as actividades extraescolares como os eventos celébranos de forma conxunta. 

Esta separación non obriga ós pequenos a desprazarse para recibir ningún tipo de ensinanza académica, senón que os dous edificios están equipados con aulas de psicomotricidade, ximnasio, música, informática, inglés e, por suposto, patios onde disfrutar dos momentos de recreo. No caso da Rampa de Sas hai que engadir tamén unha aula específica de escolarización combinada e unha biblioteca dinámica, que constitúe o eixo vertebral de moitos dos proxectos que desenvolve o centro. No CEIP O Couto o contacto cos pais dos nenos é constante. De feito, á Anpa é a encargada de servizos tan exitosos como son o comedor, as actividades extraescolares ou a atención temperá, xestionados os tres polos proxenitores. 

Todo isto co claro obxectivo de "proporcionarlle ós alumnos unha educación plena, non só académica, senón que abranga tódolos ámbitos da vida", explica a directora Milagros Vázquez. Cada día, as aulas comezan no centro educativo da cidade coa idea de "fomentar un pensamento creativo e crítico". Exemplo disto son as novidades deste curso. 

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar