EDUCACIÓN

A volta ao mundo nun balón

escolares ramiras
photo_camera Os escolares de Ramirás na biblioteca do centro.

Os escolares de Ramirás traballan desde o curso pasado nun proxecto co que estudan en profundidade os países onde se celebraron mundiais de fútbol

Situado nunha fermosa paraxe natural, o CEIP Rogelio García Yáñez é un centro rural de Educación Infantil e Primaria ao que diariamente acoden nenos e nenas procedentes das distintas localidades dos concellos de Ramirás e Gomesende. Entre os servizos cos que contan destaca o comedor escolar de xestión directa, onde se elaboran variados e saudables menús axeitados ás necesidades alimenticias dos rapaces. Tamén dispoñen dun polideportivo, onde se levan a cabo tanto as actividades deportivas como as culturais, como é o caso da celebración no mes de decembro do Festival Internacional Rebulir.

Ademais de aulas propias de cada curso e etapa educativa, laboratorios e espazos adicados a actividades concretas, o eixo vertebrador ao redor do que xiran a maior parte das actividades que se planifican no centro é a biblioteca. Este curso están a desenvolver un proxecto que leva por título "A volta ao mundo nun balón". Esta iniciativa arrancou o curso pasado e nela participan todos os alumnos e alumnas do colexio, con cometidos concretos en cada etapa educativa. O alumnado de Educación Primaria son os encargados de investigar diferentes aspectos dos paises onde se celebraron mundiais de fútbol ata o momento. Buscan información sobre a situación do país, a poboación, as costumes, comidas, cidades que o compoñen, monumentos representativos, país que gañou o mundial en cada país ou as mascotas, entre outros aspectos. Así, realizan un completo percorrido por países como Rusia, Brasil, Alemaña, España, Italia, México, Corea/Xapón, etcétera. 

Para atopar toda a información precisa de cada país, os escolares recorren aos libros que teñen á súa disposición na biblioteca escolar e tamén a internet. Unha vez recopilada e axustada toda a información, farase unha exposición na biblioteca para o resto do alumnado.

Pola súa banda, os escolares de Educación Infantil participan neste proxecto recortando e coloreando as distintas mascotas representativas de cada mundial e que se atopan expostas na exposición que elabora o alumnado de Primaria. 

Desde a biblioteca prográmanse tamén outras actividades para celebrar datas sinaladas como o Día das Bibliotecas escolares, o Samaín, o Magosto, o Nadal, o Día da Paz, o Día de Rosalía, a Semana da Prensa, etcétera. Outra das actividades e máis recente foi a celebración do Entroido, onde o rato foi o encargado de dar as ordes aos escolares de como tiñan que vir disfrazados durante a semana do Entroido. 

As actividades deportivas tamén teñen especial protagonismo no CEIP Rogelio García Yáñez, desde onde traballan durante todo o curso para que a alumnado adquira uns hábitos de vida activa e saudable. Están inmersos no Programa Xogade (xogos galegos deportivos en idade escolar) da Xunta de Galicia coa participación este curso escolar nas modalidades deportivas de Campo a través, fútbol sala ou bádminton.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar