Cartas al director

E para crecer, Amencer

Amig@, estes derradeiros días de outubro tomou Amencer bocanadas de ánimos ourensán.  Estes folgos proceden da Obra salesiana, do Concello, da Deputación, da Xunta, da Universidade, de ONGs, de amigos e de simpatizantes. Todos agradeceron a Amencer o traballo realizado para a xente moza coa xente moza, durante 33 anos. 

Todos pediron que Amencer continuara sendo o que pretendía Don Bosco: casa que acolle coma un fogar, parroquia que evanxeliza coma unha parroquia xuvenil, escola que encamiña cara a vida de mañá, patio onde encontrarse  como amigos e facer amigos.  Desexáronlle que Amencer sexa o que sempre foi: un Amencer que disfruta cada outono un novo amencer, un Amencer que contempla cada outono o amencer dunha nova primavera xuvenil. 

Algunhas das actividades estrela de Amencer son: Mañás de Verán; Operación Quilo; A Tope na Ponte; Extraescolares; Apoio educativo; Deporte para todos; Foros; Semanas de formación de animadores, con animadores doutros Centros Xuvenís de Galicia; Voluntariado Misioneiro; Campamento Urbano Infantil e Campamento Urbano Xuvenil. Os grupos máis consolidados son: Saltimbanquis, con actividades para nenos de 6 a 8 anos; Andaina, con  actividades para nenos de 9 a 11 anos; ADS, para rapaces de 12 a 15 anos;  e Catecumenado, con varios niveis e formación diversificada.

Amencer move semanalmente unha media de 300 rapaces e mozos en grupos de tempo libre, desde os 6 ata os 18 anos. Un equipo de 250 animadores oferta máis de 60 proxectos. Promove a solidariedade e o compromiso social, porque pensa que un mundo mellor é posible. “Amencer é unha festa”, que organiza festas: A de Nadal, a de Reis, a de Don Bosco, a do Magosto, a do Entroido, a dos Maios… Amencer traballa en rede coa Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, coa Escola de Tempo Libre Don Bosco de Galicia, coa Fundación Juansoñador, co Colexio Salesianos-Ourense, coa ANPA de Salesianos-Ourense, coa ONGD JyD, e con outros organismos da cidade. 

Amig@, económicamente colaboran con Amencer: o Concello de Ourense, a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e outras moitas entidades e empresas públicas e privadas. Se queres colaborar ti, ou desexan disfrutar os teus fillos ou netos en Amencer, chama na Praza Don Bosco, 1. Baixo. Ourense. Vén e verás.