Cartas al director

Gracias polo Domund

n  n  n Amig@, procuramos que o evanxeo siga abrazando a terra, porque os seus brazos tráennos luz e calor. “Nesta terra non basta con dar pan, hai que dar fame; non basta que deámo-lo evanxeo: hai que abrir, coa nosa vida, a paixón de comelo.” Teño na miña mesa de traballo o caderno “Domund 2019, memoria do 2018”, da Delegación de Misións de Ourense. Cada ano por estas datas chega a cada parroquia un exemplar deste libriño.  Como é probable que non o teñas nas túas mans, ofrézoche nesta carta algunha información, que podes ampliar con ese caderno. 

Despois do saúdo do noso Bispo, dende a páxina sete á dez fáisenos unha memoria das Obras Misionais Pontificias: Por que se chaman así, cal é a súa finalidade, cales son as catro principais, cal é a súa inspiración…  A páxina once lémbranos os obxectivos e tarefas da Delegación Diocesana de Misións: Animar e alimenta-la nosa conciencia misioneira universal, fomentar e coordina-la atención ós misioneiros diocesáns, e relacionarse coas Obras Misionais Pontificias. Na páxina doce figuran as persoas desta Delegación: Adelino Álvarez, Josefa Ledo, Miguel Baños, Ángela Grande, María José Fernández, Eugenio (Queno) Moreiras, Mercedes Grande e Francisco Prieto, Vicario para a Nova Evanxelización. 

En dez páxinas encontramos unha relación e comentario das principais actividades que se levaron a cabo durante o curso 2018-2019: Domund 2018, Nadal  Misioneiro, XIX Semana da Infancia, Festa de San Francisco Blanco, Día de Hispanoamérica, Encontro Diocesano de nenos e confirmandos, XVI Encontro Misioneiro de xóvenes no Escorial, Gala 50 Anos dos Festivais da Canción Misioneira, Verán misioneiro, e outras moitas tarefas. 

Como antesala as páxinas seguintes, a trinta e sete está chea de ¡graciñas!  E ata a sesenta e sete constan tódalas parroquias da nosa diocese co que oportou cada unha no Domund 2018. Enmarcando estes datos luce un gracias, ben merecido. Noutra revista de tirada nacional leo o recaudado en cada unha das dioceses de España. Está Ourense moi alta neste ranking. E este ano imos seguir unidos os ourensáns  á “cadea de bondades”. 

Amig@, ti e máis eu dámo-las gracias ás persoas que traballan no campo misioneiro. Rezamos por elas y polos misioneir@s de vangarda. E colaboramos este mes coa nosa aportación económica, porque –como di o Papa Francisco- “a misericordia é una viaxe que vai desde o corazón ata as mans”. E porque o diñeiro neste eido estírase.