Cartas al director

Un libro para pais, avós e... tíos

Amigas e amigos, un do noso grupo, Mirito Mateo, presentou en Verín o dia 23 de novembro o seu libro “A Verea Confusa”. Días antes xa nos obsequiara cun exemplar, que interioricei en pouco tempo.  Edelmiro é filósofo polos seus estudos, pedagogo pola súa traxectoria, psicólogo pola súa experiencia, músico pola súa armonía e sabio polo seu vivir. Neste relato é mestre de quen queira educar.

 “A Verea Confusa” é unha narración que dá resposta a tódalas preguntas que se fai todo neno de 5-7 anos. “Eu xa vivín o teu futuro”, dille o experimentado Mirito a nena María. E a nena aprende a vivir o seu futuro, co pasado do seu tío. María aprende, nas 173 páxinas do libro de Léveda Edicións de Verín, a discernir entre o ben e o mal, entre o verdadeiro e o falso, entre o importante e o secundario, entre a verea da felicidade e o camiño da perdición. 

A obra consta de doce capítulos: Ambiente, Docencia, Pautas, Acougo, Afecto, Frescura, Boaventura, O tempo, A crenza, Meta, Doenzas e Custodia. Algunhas das moitas perlas que Edelmiro regala a nena son as seguintes: “As letras no papel dormen e agardan que alguén as esperte. Asubiar é devolverlle ó mundo o aire convertido en música. O diñeiro soamente serve para aforrar, para gastar e para facer inimigos. Nunca vin a dous galos quererse. María, nunca confundas a felicidade co pracer. O tempo é coma o diñeiro, depende de quen o teña. Un é vello cando está canso de vivir. Coa xeada choran as viñas, pero coa auga rin as verzas. Sen música o universo sería unha tolemia. Tío, ¿por qué hai nenos que morren de fame? María, ti nunca te antolles do que non é teu. Tío, e… ¿eu por que non teño irmáns?...

Con beleza literaria, “Mestremiro” dá resposta ás preguntas que lle fai a sobriña de seis anos. Con beleza pictórica, introduce cada capítulo do libro o artista Fernando Barreira. A frase que introduce cada apartado é coma perfume que se derrama na cabeza.

Amigos e amigas, a lectura de “A Verea Confusa”  produce placer literario, sorriso infantil e sabedoría salomónica. A lectura do libro prestaralle, máis que a ninguén, a pais e avós, mestres e profesores, catequistas e formadores: gustaralle a quen teña sensibilidade para as persoas, para a literatura e para a pintura.