Cartas al director

En Santo Estevo, nove aneis, nove misterios. En Galicia, tras cada pedra, unha historia

Amig@, acabo de ler “O souto dos catroventos”, a primeira novela que María Oruña (Vigo, 1976) publica en galego. Un detective de obras de arte chega, desde Madrid, ó antigo mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, para descubrir as marabillas da Ribeira Sacra e o paradoiro dos nove aneis dos nove bispos que foran morrer no mosteiro. 

O detective Jon Bécquer ó pouco tempo de chegar ao mosteiro, encontrábase “como se soubese que estaba a piques de entrar nun mundo no que unha noite podía durar séculos, no que o inasible, o imprecisable, podía ter explicación. Sen sabelo, desde que chegara a Galicia, empezara a viaxar polas trenzas do tempo”. 

Unha das primeiras sensacións que tivo Bécquer na aldea de Santo Estevo foi percibir que en Galicia “o extraordinario se acepta de forma natural, como se todo atendese a unha lóxica sabia e misteriosa, completamente descoñecida para os forasteiros. Tras cada paso hai unha lenda, un trasno inasible que ten algo de verdade. Tras cada pedra, unha historia que merece ser contada…”. A Marina (un dos personaxes principais da novela) sorprendeu na o rexuvenecido do rostro do alcalde, poucos días despois do incidente.“Él mesmo chegou a dicir que aquela melloría fora grazas ás santas reliquias que gardaba o mosteiro, pois lle levaran as máis importantes á enfermaría, e alí él tocáraas… A Marina non a acababa de convencer o alcalde: parecíalle un home en xeral seco, de poucas palabras, pero de ollos astutos e esquivos…”.

Amig@, anímate a ler “O souto dos catroventos”. Xa comentaremos a novela entre os dous. E os dous coñeceremos un pouco máis e mellor os fios da esencia galega, un pouco máis e mellor os secretos das nosas augas, as forzasdas nosas rochas, os trasnos dos nosos bosques, as meigas dos nosos eidos, o destino dos nove aneis. A novela púxoma nas mans un amigo. Mantiveron a miña antención as 347 páxinas. A lingua do libro producíu en min “o efecto mistol”. Un saúdo.