Cartas al director

Outra xeración perdida

E iso que semellaba realmente complicado cando estabamos chamados a liderar algo tan incrible coma o salto ó século XXI. Non quixera compararnos, ós nacidos nos anos noventa con aqueles que sufriron as desgrazas dunha posguerra, nin pensalo. 

Dito o cal, si que entendo que temos dereito a gabar a nosa resiliencia, ou capacidade de soportar eventos negativos e sobreporse ós mesmos e convidarnos, entre nós, a non caer na resignación. É realmente complicado non pensar que, se non somos unha xeración perdida, somos algo que se lle parece moito.

Os que nacemos entre finais dos oitenta e comezos dos 90, medramos nunha sociedade na que imperaba un voraz consumismo salteado con un pouco de carpe diem, ou iso dicía a televisión. Entramos nunha carreira durante a época na que España estaba na “Champions League” da economía mundial e saímos dela nun páramo de desemprego e recortes sociais. Tras moitos anos, adaptámonos a unha sociedade onde os dereitos do traballador eran cousa do pasado, comezamos a arrincar de novo, saír da casa, mirar cara o futuro e chegou unha pandemia mundial. Incrible pero certo. Coma quen sufre un monzón no sueste asiático, que pasa por riba da túa testa e nin o ves, de novo na posición de saída e dependendo dunhas axudas que agonizan día tras día. 

Podería dicer que máis do 50% dos traballos destruídos eran ocupados por menores de 35 anos ou a cantidade de persoas da mesma idade que non sabe o que é gañar máis de 1.000 euros ó mes na súa vida pero, a verdade, é que non é preciso, só resta resistir, unha vez máis. Os nacidos nos 30 e nos 40 tiveron que reconstruír vidas e países, nós só precisamos reconstruír vidas. Por sorte temos “google”, que máis podemos pedir?