Cartas al director

OBITUARIO | José Luis Penedo, in memoriam

O pasado xoves finou en A Coruña José Luis Penedo, un bo amigo da Coral De Ruada.

 Penedo foi un asiduo asistente, mentres puido, ás nosas romarías de Oseira e a tódalas actividades da Coral, tanto as celebradas no seu querido Ourense como na cidade herculina, onde residía dende hai preto de cincuenta anos. Nas nosas frecuentes visitas ao coruñés teatro Rosalía de Castro, sempre sentimos a presencia agarimosa de Penedo nas primeiras filas aplaudindo con paixón cada unha das nosas cantigas.

Coñeceu e mesmo trabou amistade con moitos dos coralistas de tódalas épocas (Virxilio, Manuel de Dios, Chuti, Chaparro, Barreira, Quevedo, Xoán Antón, eu mesmo...) cos que se detiña en calquera recuncho da nosa cidade para falar das novidades de Ourense e de De Ruada.

 Deixou, tanto nas páxinas de La Región como nas da nosa revista, testemuña clara da súa paixón por todo o relacionado con Ourense e, dun xeito moi especial, do seu cariño a De Ruada. Nunha destas colaboracións modificou a copla popular relacionada cos nosos máis importantes sinais de identidade para deixala do xeito seguinte: Catro cousas ten Ourense / que non as hai en España: / as tres que todos sabemos / e a Coral De Ruada. 

Botarémolo moito de menos.

Para tódolos seus familiares e amigos unha fonda aperta de tódolos membros da familia ruadista.