Cartas al director

Sentidiño

Esta semana, como profesor de secundaria, recollín as máscaras que a Xunta nos proporcionou ao profesorado. Moi riquiñas. Ata levaban un lema que dicía “sentidiño”. Despois quedei pensando sobre o lema; quererá dicir sentidiño para dosificar as catro máscaras ao longo de todo o ano ou referirase a saber manexar unha máscara a través da cal se pode apagar un chisqueiro soprando?

Hoxe, 16 de setembro, debería estar no centro asistindo á volta ás aulas, porén, atópome diante do ordenador, esperando pola adxudicación do profesorado. Escoitei nos medios que se adiaba o inicio do curso para darlle tempo ao profesorado a preparar as aulas. Un pouco de sentidiño! O conselleiro de Educación sabe perfectamente que sen saber o número de profesorado adxudicado non se poden formar os grupos, nin facer horarios... polo que non se poden preparar aulas sen saber cantas serán necesarias. Tamén vin na prensa que aos centros se lle daba a escoller entre docencia semipresencial, desdobres, quendas de tarde ou mamparas. Sentidiño! Non se pode anunciar isto publicamente e despois obrigar vía Inspección aos equipos directivos a escoller a última opción. Sentidiño facía falta cando Galicia se comprometeu xunto coas outras comunidades a manter metro e medio de distancia de seguridade e agora manexa un protocolo (o terceiro) no que cun metro será suficiente se se substitúe a contratación de profesorado por mamparas (que ademais se comprarían co presuposto do centro). Tampouco é de sentido común limitar o dereito a folga impoñendo servizos mínimos do 80%, como aconteceu a semana pasada, e despois gabarse de que o seguimento foi escaso. Por último, hai que ter pouco sentidiño para esperar que en 6 días os equipos directivos resolvan un problema que a administración non quixo resolver en 6 meses e despois de 3 protocolos.

Pero esta problemática non se reduce a querer organizar un inicio de curso en medio dunha pandemia a custe 0, se non que é nestes momentos cando afloran os problemas dun ensino público maltratado durante anos, con aulas masificadas, colexios pechados, currículos desfasados, sen recursos dixitais e unha notable falta de medios. Defendamos o ensino público, un pouco de Sentidiño!