Cartas al director

Non sei se nos veremos polos viños

Querido Quique e asociados, das vosas declaracións no xornal La Region do 30/05/2020 resulta difícil concluir que podamos vernos polos viños.  Voso dito “… os que protestan son xente que veu a vivir a zona vella cando xa había moita hostelería…”, non ven o caso porque tratase de respectar  dereitos de hosteleiros e veciños que as leis protexen, igual para todos, como garante da convivencia. “Un tratamento especial con respecto á legalidade e aos veciños”, sería unha bula medieval “por ser vos quén sodes”, excluinte de todolos demáis. A Lei 10/2014, de accesibilidade de Galicia, resulta a normativa que tenta ordenar a situación que hai tempo Concello e cidadanía perciben como “descontrolada”; estades “tristes e preocupados”, cun discurso victimista que, dende logo, hai tres meses non existía. 

Solicitades ampliación de terrazas, incluindo protocolos de emerxencias.  Presumo que serán vía aérea, porque os que aquí vivimos, sabemos das dificultades do transporte público, sanitario ou de reparto, e do imposible acceso a pé ou en vehículo para calquera discapacitado.As terrazas chegaron a zona vella coa lei antitabaco, tamén co concepto de “ver e ser vistos”, reflectindo unha nova e falsa paisaxe urbana como si existira desde sempre.  Antes da lei, os bares acollían aos clientes de a pé, acobados  na barra  a beira do viño e a palabra. Nese formato, malia que as marxes económicas non eran as de agora, os  negocios fixeron patrimonio de seu. Mudaron tempos e vontades, mais a lei como exercicio de convivencia, garante a liberdade de todos. Se os dereitos están recoñecidos, non fai falta blindalos.

Na actualidade, a zona histórica amosa unha deficiente calidade de vida derivada da mala xestión dunha parte desa hostelería: locais sen licenzas axeitadas, con reiterados incumprimentos acústicos e de horarios, molestos para saúde e descanso da veciñanza, cun “ambiente” degradado que leva a un habitat de escaso atractivo para unha clientela que pescuda valores de calidade que ti, querido Quique, ben coñeces. Estos irregulares abrevadeiros, son os inimigos a bater e non a veciñanza maltratada.  

O asociacionismo saudable sempre é benvido, mais un discurso coa confusión dun falso relato, esquece obrigas e dereitos aos que esiximos respecto e por iso pagamos impostos na comunidade que habitamos. Coa tolerancia constrúese unha convivencia mellor ou, cando menos, axustada á realidade que vivimos e, por desgraza, tamén sofrimos.